Centos de delegados e delegadas de CCOO e UGT esixiron diante do Parlamento galego a recuperación de dereitos

  • Os sindicatos esixen que, se é certo que a economía se está a recuperar, se devolvan os dereitos arrebatados ao persoal do sector público

Centos de delegadas e delegados da Área Pública de CCOO e FeSP-UGT concentráronse esta mañá diante do Parlamento galego para demandar a recuperación de salarios e dereitos das empregadas e empregados públicos.

Esta mobilización enmárcase na campaña conxunta «Agora: salarios, emprego público e dereitos» e dá continuidade ás concentracións do pasado día 24 de novembro fronte á Delegación e subdelegacións do Goberno e que continuaron cunha manifestación en Madrid o xoves pasado.

A concentración coincidiu co pleno do Parlamento no que se está a debater —e case seguro se aprobará— o Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2018.

Reivindicacións sindicais

CCOO e UGT de Galicia lembran que os Gobernos galego e estatal levan máis dun ano afirmando que a economía se recupera. Por esta razón, coidan que é o momento de lles devolver ás empregadas e empregados públicos os dereitos arrebatados coa escusa da crise: desde o 2010, máis de 16 000 empregos destruídos no sector público e unha perda media de poder adquisitivo do 13 %.

Esixen a volta á negociación colectiva nas Administracións públicas para abordar cuestións como xornadas, incapacidade temporal, saúde laboral, igualdade, formación ou acción social. Todo isto debería ter efectos nos orzamentos para o 2018.

CCOO e UGT piden que o Acordo para a mellora do emprego público, asinado en marzo deste ano, e o Acordo de Estabilidade, asinado en outubro coa Xunta, se amplíen para permitir a recuperación do emprego perdido desde o 2011, non só para reducir a precariedade e a temporalidade nas Administracións públicas.

Por último, UGT e CCOO lembran que a defensa dos dereitos das empregadas e empregados públicos é unha prioridade na acción sindical de ambas as organizacións, tanto polo que significa en termos de condicións laborais como pola necesidade de reforzar os servizos públicos e así mellorar a calidade de vida da cidadanía.

Comparte o que pensas