OS REPRESENTANTES SINDICAIS DE FSIE, FESP‐UGT, CCOO ENSINO, FEUSO E CIG ENSINO PRESENTARÁRONSE HOXE NA CONSELLERIA PARA ESIXIR UNHA REUNIÓN CO CONSELLEIRO SOBRE ENSINO PRIVADO CONCERTADO

Os sindicatos presentaron a comezos de xuño unha proposta de Acordo de Mantemento de Emprego e seguen sen resposta.

A comezos de outubro solicitaron una reunión co conselleiro e novamente o silencio foi a resposta. 

ver Nota Informativa conxunta

Representantes das organización sindicais FSIE, FeSP‐UGT, CCOO Ensino, FEUSO e CIG Ensino decidiron dar un paso adiante e presentarse hoxe na Consellería de Educación para esixir que o conselleiro Román Rodríguez os recibise, ante a falta de resposta por parte da Administración ás peticións presentadas por escrito nos últimos meses para tratar asuntos moi relevantes que afectan aos máis de 7.000 traballadores e traballadoras do Ensino Concertado.

Finalmente, despois de varias horas de espera na Consellería, a reunión terá lugar o próximo martes 5 de decembro.

Os representantes sindicais recordan que o profesorado da concertada de Galicia leva 7 anos perdendo salario e dereitos e afastándose do legalmente establecido na LODE, LOE e LOMCE cos compañeiros de publica e da concertada doutras comunidades.

E que despois de moitos meses de espera, a paciencia chegou ao seu fin e todas as organizacións sindicais decidiron, de forma conxunta, presentarse na consellería para esixir respostas.

O pasado día 5 de xuño, as organización sindicais presentaron por escrito ao director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez, unha proposta de Acordo de Mantemento de Emprego pactada coa patronal, tal e como este solicitara na última reunión da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado (CTEPC). O silencio foi a única resposta recibida, polo que o pasado día 4 de outubro os sindicatos decidiron acudir ao conselleiro Román Rodríguez, solicitando por rexistro unha reunión con el para tratar temas laborais sobre o ensino concertado e explicándolle a situación na que se atopan os traballadores e traballadoras, a falta de resposta por parte do director xeral e a necesidade de dar resposta a un colectivo moi castigado nos últimos anos. Mes e medio despois nin sequera unha contestación por escrito ou telefónica para dar unha cita, polo que as organizacións sindicais víronse obrigadas a dar un paso adiante en defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras do ensino privado concertado.

No escrito presentado ao conselleiro explícaselle que a última convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado celebrouse no ano 2016 e que, a pesar de solicitar por escrito ao director xeral de Centros a convocatoria dunha reunión da CTEPC para estudar a proposta de acordo de mantemento de emprego, pactada coa patronal, seguen sen  resposta.

Ademais actualmente a CTEPC carece de con"dos e só é convocada, cando a convocan, para informar. Temas a tratar:

O Acordo de Mantemento de Emprego é unha das prioridades, xa que “non temos AME dende o ano 2009, e a perda de unidades suporá un maior paro”.

O abono da coordinación de dinamización lingüística que non están a cobrar.

Ademais, as organizacións sindicais recordan os recortes salariais soportados por este colectivo nos últimos anos, consolidados en nómina e que aínda non terminaron de recuperarse, así como a paga extraordinaria de antigüidade dos 25 anos, que non se aboa dende o 2010, “sendo Galicia a única comunidade autónoma do Estado que non paga a PEA, dereito recoñecido por xurisprudencia reiterada”.

Por todo isto, e ante a situación de recuperación económica “da que tanto se fala na Xunta, cremos que chegou o momento de empezar a negociar un acordo de mantemento do emprego, un acordo de abono da PEA ou un calendario de recuperación salarial, así como o abono da coordinación de dinamización lingüística que non están a cobrar os traballadores/as do ensino concertado”.

Comparte o que pensas