XUNTANZA MESA XERAL EMPREGADAS E EMPREGADOS PÚBLICOS

1.- Decreto OPE-2017, prazas persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia. 
Fronte a proposta de decreto de OFERTA PUBLICA DE EMPREGO para o ano 2017, presentada pola Administración, CCOO formulou as seguintes cuestións básicas:

a) NEGOCIACIÓN: Ampliar o tempo da negociación deste decreto, tendo en conta que se trata dun tema de moita transcendencia non só para a promoción e o acceso a función pública, senón para o mantemento dos servizos públicos. Que a administración pretenda ventilar este importante decreto no prazo de dous días non expresa moita vontade de chegar a acordos.

b) CONSOLIDACIÓN EMPREGO: Convocar a totalidade do proceso de consolidación (1ª parte e 2ª parte) nos termos e condicións recollidos no acordo para a mellora do emprego na Xunta de Galicia do ano 2008. En todo caso se non se recollen ámbalas partes, que se retire desta OPE a 2ª parte deixándoa para o momento no que se poidan dar as garantías e a seguridade xurídica necesarias.

c) PROMOCIÓN INTERNA: Duplicar o numero de prazas de promoción interna separada, pasando de 150 a 300 prazas pois non restan taxa de reposición, distribuíndoas entre aqueles corpos de funcionarios e categorías de persoal laboral que levan tendo menos posibilidades de promocionar (grupos A2 e C1, e/ou categorías de Xefe Brigada, Operador Codificador, etc…..). Esiximos especialmente a inclusión de prazas para promoción interna de persoal laboral tendo en conta que será unha das últimas oportunidades de promoción por esta vía dado o proceso de creación de escalas que está levando a cabo Función Pública pola vía dos feitos.

d) FUNCIONARIZACION: Por en marcha un amplo proceso de funcionarización mediante a negociación do correspondente decreto que despexe dunha vez por todas dúbidas e incertidumes entre o persoal laboral que puidese estar afectado, empezando por clarificar as escalas creadas como é o caso dos condutores-motobomba que deben ir ao C1, pois teñen un requisito de carné distinto da escala de auxiliares bombeiros. Deste xeito poderíase articular unha carreira profesional dentro do colectivo do SPDCIF.

e) ESTABILIZACIÓN EMPREGO: Concretar por anos, o número de prazas e categorías a incluír no proceso de estabilización, tal como recolle o acordo asinado o día 18 de outubro, partindo dun mínimo do 50% de prazas a convocar no ano 2018 (sobre 3.000 prazas).

Se a administración acepta incorporar estas liñas básicas no decreto de OPE 2017, CCOO non votaría en contra do mesmo.