A Federación de Ensino de CCOO de Galicia denuncia que a Consellería de Educación está a obrigar a impartir os MÓDULOS asociados a bloques comúns a profesorado sen atribución docente.

A Consellería de Educación cambiou  as condicións laborais do profesorado que imparte na Formación Profesional Básica (FPB) vulnerando a lei e facendo caso omiso ás advertencias desta organización sindical. 

 

Na adxudicación definitiva de destinos provisionais do profesorado de secundaria, publicada onte, mantense a asignación dos módulos comúns dos ciclos de Formación Profesional Básica a profesorado de ensino secundario  das especialidades propias da Formación Profesional e do corpo de profesorado técnico de FP.

 

CCOO-Ensino xa denunciou tras a publicación da adxudicación provisional de destinos que se estaba a vulnerar a normativa neste aspecto, o que provocou que nalgúns casos se modificaran as vacantes inicialmente previstas, pero seguen a aparecer 31 vacantes con esta asignación. 

 

CCOO-Ensino pon de manifesto que esta actuación amosa a incapacidade da administración para aplicar a normativa incorrendo nunha ilegalidade manifesta, e sobre todo o interese de certos centros en crear prazas "ad hoc" ao figurar perfís manifestamente incoherentes como pode ser a asignación do Módulo de Ciencias Aplicadas á especialidade de FOL ou o Módulo de Comunicación e Sociedade a unha vacante da especialidade de Procesos e Produtos de téxtil, confección e pel , asi como a dotación de 6 vacantes de Análise Química no mesmo centro e todas elas con afín do mòdulo de Ciencias Aplicadas, o que ademais amosa o nulo traballo da Inspección Educativa na supervisión dos perfís das vacantes ofertadas polos centros.

 

Temos que recordar unha vez máis á Consellería de Educación que os módulos profesionais dos ciclos formativos de FPB asociados aos bloques comúns teñen que ser impartidos obrigatoriamente por persoal funcionario dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario nalgunha das especialidades nas que teñan atribución docente para impartir as materias que se especifican na norma que regula a FPB. Así aparece recollido no artigo 20 do RD 127/2014 e no artigo 5 do RD 665/2015.

 

Dende CCOO-Ensino animamos a todo o profesorado que non ten atribución para impartir estes módulos e se lles adxudicou docencia nos mesmos a denunciar esta ilegalidade, polo que nos pomos á súa disposición ao efecto. Ademais advertimos á Consellería que CCOO-Ensino iniciará as accións legais necesarias para denunciar  o incumprimento da norma e invalidar esta adxudicación ilegal.

Comparte o que pensas