CCOO-Ensino denuncia o recorte de profesorado con “nocturnidade e alevosía” nas Ensinanzas Artísticas Superiores

A Consellaría ven de comunicar unha redución importante de profesorado na Escola Superior de Arte Dramatico de Vigo e na Escola de Conservación e Restauración de Pontevedra

Unha vez máis a improvisación e os criterios economicistas se imponen na xestión da Consellaría de Educación, que acaba de comunicar á ESAD de Galicia e a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais a diminución do cupo do seu profesorado para o vindeiro curso.

Unha decisión que se comunica aos centros o pasado 24 de xullo, cando os centros xa tiñan organizado a súa conformación para o vindeiro curso, e onde o número de alumnado matriculado non difería en exceso do que cursaba estas ensinanzas no curso pasado.

Esta decisión non fai máis que reflectir o desleixo desta Consellería polas Ensinanzas Artísticas Superiores que a pesar de ter unha consideración de titulación equivalente a grao seguen a ser rexidas polos parámetros propios dos centros de Secundaria e Bacharelato.

CCOO denuncia esta redución de efectivos e oponse á mesma polo que ten de diminución na calidade dunhas ensinanzas que deberan ser punteiras no noso país pola importancia que teñen como xeradoras e impulsoras da cultura e o patrimonio propio, polo que non descarta emprender as accións que estean na súa man para reverter esta situación

CCOO segue a esixir a integración destas Ensinanzas no Sistema Universitario Galego por ser este o lugar natural que lle corresponde dentro do Espazo Europeo de Educación Superior 

Comparte o que pensas