Mesa Sectorial: martes 18 de xullo

 

Tratouse a Orde pola que se desenvolve o Decreto 60/2017, do 22 de xuño, de reorganización de centros docentes de determinadas localidades.

 

RESUMO DO TRATADO NESTE PUNTO NA MESA:

Rexeitamos os modos e formas usados pola administración para facer modificacións á rede de centros , usando os últimos días do curso para facer públicas unhas decisións tomadas de costas á comunidade educativa e aos representantes legais dos e das traballadoras.

Non podemos crer que a Consellería actúe con tal improvisación, xa que amosaría unha irresponsabilidade manifesta porque os prazos de tramitación dun decreto non se cumpren en dous días, polo que se minte de forma descarada a toda a comunidade educativa. É evidente que a administración era consciente con antelación da eliminación destes centros e ensinanzas, polo que estamos diante dunha estafa ás familias ás que se ofertou matricular aos seus rapaces nestes centros e da vulneración dos dereitos laborais do profesorado que imparte ensinanzas neles.

O Conselleiro falta á verdade cando afirma que con estes cambios non hai redución da oferta educativa, de ser así non se reducirían as liñas xa existentes entre os centros afectados, co que a oferta redúcese e en moitos casos as aulas masifícanse e existe unha redución de profesorado en todos os centros.

En todo caso a orde que nos ocupa non fai máis que dicirnos o que se vai a aplicar pero non entra nas cuestións substanciais que son as que afectan ao profesorado dos centros transformados e á súa situación e ao número de unidades dos centros.

Desde CCOO entendemos que esta non é a forma axeitada de actuar, polo que esiximos a retirada do Decreto, paralizar a decisión de transformación dos centros e iniciar un proceso de negociacións das unidades dos distintos centros durante este curso, para así salvagardar os dereitos das familias e do profesorado destes centros.

Debemos criticar a ausencia de datos concretos, non se pode facer unha proposta concreta sen ter a totalidade dos datos enriba da mesa. Sen datos oficiais negámonos a facer propostas concretas, pero fixemos notar o seguinte:

  • As ensinanzas non deben resentirse e non se debe deixar alumnado sen a oferta que viñan recibindo en cada cento, caso das seccións bilingües no CPI Monte Caxado ou a oferta das dúas vías de académicas e aplicadas en 4o ESO que existía no CPI Tomas de Lemos.

  • Clarificar por que se segue un procedemento diferente en función dos centros, dado que esta distinción pode xerar unha maior discriminación no profesorado.

  • Queremos amosar a nosa preocupación pola colocación de todo o profesorado pero especialmente do colectivo do corpo de mestres que está a impartir no primeiro ciclo de ESO dado que estes non poden exercer o dereito a manterse na localidade sen horas, sendo o máis afectado o profesorado de especialidades que teñen difícil recolocación na secundaria como Música e PT ( ben pola falta crónica de horario nestas especialidades, ben pola ausencia de vacantes nas cidades). Pedimos que neses casos se cataloguen prazas para estas persoas aínda que sexa por riba de catalogo. Ademais a este profesorado ténselle que ofertar prazas do primeiro ciclo da ESO no CXT . 

 

ROGOS E PREGUNTAS:

  • Prazo de restrición de zona : segue a estar colgado na web o prazo do curso pasado, débese modificar para evitar confusións.
  • Oposicións. Vólvense a detectar erros na interpretación que están a dar os tribunais na aplicación do baremo da fase de concurso. CCOO volve a incidir en que os tribunais non son os que deben baremar a mesma.
  • Solicitamos novamente a integración das Ensinanzas Artísticas Superiores no Sistema Universitario Galego.
  • Asignación de módulos comúns da FP Básica ao profesorado das especialidades propias da FP do CIFP. Estase a vulnerar a normativa básica do Estado e a normativa propia da FP Básica. Estas materias teñen que asignarse ao profesorado do corpo de secundaria con atribución docente nalgunha das especialidades que abranguen o ámbito, feito aínda máis excepcional cando o ámbito lingüístico se pretende asignar ao profesorado de FOL. Esiximos a aplicación da normativa nestes casos e que estas prazas se oferten ao profesorado que lle corresponde tendo en conta o RD de Especialidades e a súa modificación no ano 2015 (RD 665/2015).
  • Denunciamos a situación creada coa orde de asesores do CFR, que modificou a súa redacción en dúas ocasións cunha corrección de erros da corrección de erros cando os items que foron obxecto da corrección xa foran tratados na Mesa Sectorial. Outra mostra máis da precipitación e o descontrol que existiu este ano nas diversas convocatorias realizadas pola Consellería.
  • Esiximos o desenvolvemento no eido educativo da Lei 2/2014 de non discriminación de LGTBI de Galicia, establecendo elementos de actuación, formación e protocolos concretos contra a LGBTIQ+fobia e que isto non se quede nunha mera declaración de intencións tal e como está a pasar na actualidade, na que a visibilidade do colectivo LGTBIQ+ nos diversos currículos e na organización escolar quédase en meramente testimonial.
  • Expresamos a nosa queixa pola forma de publicación do Calendario Escolar, sen permitir ás organizacións sindicais realizar as alegacións á mesma.
  • Solicitamos a convocatoria da Comisión de seguemento do Acordo de Interinos para valorar a confección das listas de contratación despois de rematado o procedemento selectivo.
  • Esiximos se garanta o dereito do profesorado provisional a que a elección de horarios se faga cando todo o profesorado estea no centro.
  • Preguntamos pola situación das reclamacións á resolución do CXT do profesorado que provén de fora da comunidade. Contestan que estas están en trámite, e que son 1 en primaria e 9 en secundaria.