CCOO-Ensino denuncia que a Consellería pretenda obrigar a impartir os modulos asociados a bloques comúns a profesorado sen atribución docente.

A Consellería de Educación pretende cambiar as condicións laborais do profesorado que imparte na Formación Profesional Básica (FPB) vulnerando a lei. Isto ten incidencia especialmente no profesorado que imparte nos CIFP nos que non hai apenas profesorado de materias comúns. O que se pretende é seguir coa implantación da FPB a custe cero. 

Temos que recordar á Consellería de Educación que os módulos profesionais dos ciclos formativos de FPB asociados aos bloques comúns teñen que ser impartidos obrigatoriamente por persoal funcionario dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario nalgunha das especialidades nas que teñan atribución docente para impartir as materias que se especifican na norma que regula a FPB. Así aparece recollido no artigo 20 do RD 127/2014, no artigo 5 do RD 665/2015. E por se non fora suficiente o Decreto 107/2014 polo que se regulan aspectos específicos da FPB en Galicia establece o mesmo no seu artigo 30. E a Orde do 13 de xullo de 2015 pola que se regulan as ensinanzas de FPB en Galicia volve a incluír que se aplicará en materia de docencia o establecido no artigo 30 do Decreto 107/2014.

Calquera pretensión da Consellería de Educación para que eses módulos sexan impartidos por profesorado sen atribución para elo vulneraría a lei. 

Dende CCOO-Ensino animamos a todo o profesorado que non ten atribución para impartir estes módulos e se lles adxudique docencia nos mesmos a que denuncie esta irregularidade. Podedes poñervos en contacto con nós en calquera dos nosos locais.

Advertimos á Consellería que de seguir por este camiño CCOO-Ensino denunciara nos tribunais o incumprimento da norma.