CCOO-Ensino a prol dos dereitos LGTBI no Día do Orgullo LGTBI 2017

A Federación de Ensino de CCOO de Galicia diante do Día do Orgullo LGTBI 2017 

#OrgulloDeSerCCOO

A prol dos dereitos LGTBI en todo o mundo, con este lema CCOO anima á súa afiliación e a toda a cidadanía a participar nas múltiples actividades que se van a desenvolver con motivo da celebración o 28 de xuño do Día do Orgullo LGTBI. 

CCOO traballa, xunto a organizacións LGTBI, para terminar con calquera tipo de discriminación no ámbito laboral cara ás persoas LGTBI. A diversidade sexual e a identidade de xénero non poden ser un motivo de discriminación no ámbito laboral. E se o fose haberá que denuncialo. O matrimonio igualitario supuxo un avance e na actualidade está pendente a tramitación da Lei contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, e de igualdade social de lesbianas, gays, bisexuais, transexuais, transxénero e intersexuais, presentada pola Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (FELGTB) no Parlamento español, fai escasamente un mes. 

CCOO continuará: 

  • Traballando na prevención da violencia LGTBifóbica en todos os ámbitos . Denunciando os delitos de odio dos que teña constancia 
  • Traballando para acabar cos estereotipos e prexuízos que atacan ás persoas LGTBI en todos os sectores, especialmente desde o ensino. 
  • Esixindo aos poderes públicos a formación en diversidade sexual e de xénero de traballadoras e traballadores públicos en materia educativa, sanitaria, policial, xudicial…
  • Esixindo que se activen os protocolos administrativos, educativos, laborais, sanitarios ou xurídicos necesarios que garantan o respecto pola orientación sexual ou a identidade de xénero de cada persoa 
  • Esixindo respecto a todas as opcións e identidades no ámbito laboral e denunciando os posibles casos discriminatorios que puidesen darse 
  • Traballando desde a súa acción sindical e, a través da negociación colectiva, para que as empresas e centros de traballo adopten medidas para garantir contextos máis seguros e favorables para a diversidade sexual e de xénero. 

CCOO mantén o compromiso de traballar pola tolerancia, os dereitos humanos, a integración social, o respecto ás diferenzas individuais, o trato igualitario entre os sexos, a non discriminación cara a persoas con VIH, a libre orientación sexual, a libre identidade de xénero e, en xeral, por aqueles temas que signifiquen unha mellora social.

Desde a Federación de Ensino de CCOO continuaremos traballando a prol dos dereitos LGTBI na escola e fronte a a todo aquilo que signifique unha actitude discriminatoria e fomente a LGTBI-fobia e esiximos unha vez mais que se faga cumprir e se desenvolva a Lei 2/2014 pola  igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia e que esta non se quede nunha mera declaración de intencións e en papel mollado .