CCOO-Ensino denuncia a supresión de ensinanzas e o peche de centros de modo unilateral pola Consellaría

 

A golpe de final de curso e polos medios de comunicación vimos de coñecer o traslado de ensinanzas e peche de varios centros, o CPI Tomás de Lemos de Ribadavia, o CPI Monte Caxado en As Pontes,o CPI da Ribeira en Porriño e o CEIP Emilio de Navasqüés de Outes, feitos de xeito unilateral por parte da administración educativa galega. E non sabemos se isto será o final...

Se a administración era consciente con antelación da eliminación destes centros e ensinanzas, entón estaríamos diante dunha estafa ás familias ás que se ofertou matricular aos seus rapaces neles e ante unha vulneración dos dereitos laborais do profesorado que alí imparte ensinanzas. En caso contrario, é dicir, de tomarse a decisión a estas alturas de curso, demostraríase unha vez máis a falta de planificación, a improvisación e de diálogo que caracterizan a esta Consellaría nos últimos anos. En calquera dos casos, o Director Xeral responsable debe dimitir ou de non facelo debe ser cesado de inmediato polo Conselleiro de Educación.

Calquera decisión deste tipo debe ser informada e negociada cos representantes do profesorado porque afecta ás súas condicións laborais, en todo caso sempre debera ser tomada previamente á convocatoria do Concurso Xeral de Traslados para facilitar a recolocación e a adquisición de novos destinos ao profesorado afectado, que deste modo non sabe onde vai traballar no vindeiro curso. Desde esta organización queremos lembrarlle ao Director Xeral que anteriores modificacións na rede xa foron revogadas polas sentenzas de diversos tribunais.

CCOO-Ensino manifesta a súa solidariedade e apoio á comunidade educativa destes centros, e en especial ao profesorado afectado por estas supresións, e ofrece o seu asesoramento tanto laboral como xurídico en todo este proceso. 

Comparte o que pensas