ANPE-OURENSE, “NIN ESTÁ NIN SE LLE ESPERA”

Para ANPE-Ourense as eleccións por separado do profesorado de relixións foi unha “jornada histórica” “tras muchos años de trabajo y lucha”, segundo din na súa web.

 

Para a sección sindical do profesorado de relixións de CCOO-Ensino, esa “jornada histórica” é un retroceso na situación das persoas traballadoras no ensino das relixións.

 

Como sabedes, sempre manifestamos que a separación do resto do persoal laboral é negativa para os nosos intereses como traballadoras, e que a negociación dun convenio específico para o profesorado de relixións é unha incógnita perigosa.

 

A maioría do profesorado falastes nas eleccións votando maioritariamente a outras opcións sindicais que defendían outra postura, pero cremos que é o noso deber informarvos do que está a pasar:

 

Non hai nin rastro do loubado “Convenio”. Ninguén fala disto despois de tantos anos, e o que é peor, os Comités de Empresa están en punto morto.

 

A situación de Ourense -onde ANPE ostenta a maioría- é “histórica” polo esperpento que se produce cando ese “trabajo y lucha” se materializa na inexistencia de reunións do Comité de Empresa de Relixións nesa provincia

 

O profesorado é libre de elixir a opción que vai a representalos cada catro anos, pero estamos na obriga sindical de denunciar situacións que non se dan en ningún colectivo laboral: A situación en Ourense é dunha falta de respecto de cara aos traballadores que elixiron a uns representantes que levan un ano sen reunirse como Comité de Empresa.

 

Non aceptes isto, e demanda coherencia e responsabilidade no traballo dos representantes sindicais despois de conseguir os seus obxectivos “históricos”.