CCOO denuncia a falta de previsión da Consellería de Educación na cobertura de prazas do persoal da administración e servizos.

CCOO-Ensino demanda que a Consellería de Educación teña prevista, antes do inicio do curso, a cobertura de vacantes e substitucións do persoal de administración e servizos.

A Consellería coñece as vacantes por xubilación con tempo abondo para poder cubrilas. Do mesmo xeito, tamén sabe que vacantes se producen por outro motivos (por exemplo, baixas). Non obstante, este curso, o CEIP Arquitecto Casas Novoa da Sionlla viuse na obriga de dar bocadillos na hora do xantar ao non dispoñer dunha substitución para o cociñeiro. 

É inadmisible esta falta de previsión, que repercute nunha alimentación inadecuada do alumnado. O mesmo está a ocorrer noutros centros que aínda non dispoñen de auxiliares coidadores.

CCOO-Ensino esíxelle á Consellería de Educación que cumpra de inmediato coa súa obriga e nomee o persoal necesario en todos os centros para facer efectivo o dereito á educación en condicións dignas e de calidade.