CCOO-Ensino demanda a retirada do amianto en todos os centros educativos

CCOO-Ensino xa solicitou no mes de maio de 2016 que se abordara unha avaliación de riscos en todos os centros educativos onde se detectara a presenza de amianto e un plan de retirada dos materiais que o conteñen. A día de hoxe non temos resposta algunha.

 

Ante a alarma social  que está a suscitar a retirada de material de construción que contén fibras de amianto no CEIP Ramón de la Sagra de A Coruña, e a ausencia de resposta por parte da administración ante un problema deste calibre, poñémonos en contacto con vostedes novamente para comunicarlle a nosa preocupación pola realización de “traballos de desamiantado” nalgúns centros educativos. Entendemos que   nin as familias, nin os traballadores e traballadoras, están a ser axeitadamente informados/as dos riscos que implicaban estas obras nin das medidas preventivas que se ían levar a cabo. 

 

Esta situación lévanos a solicitar de novo: 

 

  • Que se tomen as medidas oportunas para garantir a seguridade e saúde dos alumnos e alumnas dos centros educativos, e de tódolos traballadores e traballadoras (persoal laboral, docentes, etc.), informándose axeitadamente a tódolos colectivos afectados.

 

  • Que se aplique o RD 396/2006, de 31 de Marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables ós traballos con risco de exposición a  amianto,  e a guía correspondente do INSHT(Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo), en especial, no que se refire ao procedemento de traballo para evitar a dispersión de fibras.

 

Consideramos que tratándose de centros educativos e dun material especialmente perigoso, a Consellería debera garantir en todo momento a protección dos nenos e nenas e tamén dos traballadores e traballadoras, planificando con tempo as obras, e contemplando a posibilidade de realizalas en período non escolar, para poder ter a seguridade de que non vai haber exposición a un material tan perigoso como o amianto.

 

Solicitamos tamén, a seguinte información:

 

  • Listado de centros pertencentes á Consellería de Educación nos que se  están facendo obras na actualidade, nas que se vexa afectado algún material susceptible de conter amianto.

 

  • Listado de centros pertencentes á Consellería de Educación nos que está previsto realizar obras, nas que se vexa afectado algún material susceptible de conter amianto.

 

  • Procedemento de traballo e medidas preventivas que se van levar a cabo, ou se están levando xa nestes centros, para evitar a exposición a amianto de nenos e nenas, e traballadores e traballadoras.