Publicada a adxudicación provisional da convocatoria do Ministerio do concurso extraordinario de méritos

As Comunidades Autónomas que convocaron concurso extraordinario de méritos en cooperación co Ministerio de Educación y Formación Profesional réxense polas normas establecidas nunha resolución publicada no BOE o 18 de novembro de 2022.

Imposibilidade de ingresar por máis dunha especialidade no mesmo corpo

CASO 1: Persoas que obteñen prazas en máis dunha especialidade do mesmo corpo no ámbito das CC AA coordinadas co Ministerio

  • (Artigo 9.4.1) Persoas que obteñan prazas en dúas ou máis especialidades do mesmo corpo nalgunha das Administracións Educativas asinantes do citado acordo (ver Anexo I da resolución), terán cinco días hábiles para presentar escrito de renuncia ante a(s) Administración(s) nas que lle foron adxudicadas as prazas que se queren rexeitar. É requisito a presentación da renuncia. No suposto de que a persoa candidata non presente escrito de renuncia, entenderase que opta pola especialidade na que ten maior puntuación ou, no seu defecto, pola especialidade na que acredite maior tempo de experiencia en centros públicos como interino/a.

CASO 2: Persoas que obteñen prazas en máis dunha especialidade do mesmo corpo, entre CC AA coordinadas co Ministerio e as que convocan o concurso de méritos á marxe destas

  • (Artigo 9.4.2) Persoas que obteñen praza por dúas ou máis especialidades do mesmo corpo e que as resolucións (provisionais ou definitivas) de adxudicación coinciden no tempo (prazo de 5 días hábiles). Neste caso, o procedemento será a obriga de formular opción pola praza que se quere aceptar na comunidade autónoma correspondente. De non presentar escrito de aceptación ou renuncia nalgunha das CC AA coordinadas co Ministerio, entenderase que se renuncia ás prazas destas CC AA.

COMO SERÁ O PROCEDEMENTO EN GALICIA?

  • Se hai unha aceptación de praza nas CC AA coordinadas co Ministerio e non hai renuncia en Galicia, a Consellería entenderá que se fixo unha renuncia tácita á praza de Galicia.
  • Pasados os cinco días hábiles de prazo para renuncias, a Consellería realizará sucesivos procedementos informáticos, tendo en conta todas as casuísticas que se poidan dar, co fin de evitar que queden vacantes desertas. Isto significa que cando unha persoa rexeite unha praza de Galicia, acudirase á lista desa especialidade por puntuación ata adxudicar a praza a unha persoa que si a acepte.
  • A Consellería repetirá este proceso de readxudicación de prazas por renuncia, ata acadar unha listaxe definitiva na que non existan persoas con adxudicación de prazas por máis dunha especialidade no mesmo corpo.
  • Logo disto, haberá un prazo especial a maiores para que as persoas poidan renunciar en Galicia no caso de obter praza na resolución definitiva noutra comunidade autónoma. Sempre que esa resolución definitiva chegue no prazo que permita o nomeamento das persoas adxudicatarias en Galicia como funcionarias de carreira a 1 de setembro de 2023.
  • Todas aquelas persoas que resultasen adxudicatarias dunha praza no concurso de méritos extraordinario en Galicia serán excluídas do procedemento de concurso-oposición en Galicia.
  • Galicia publicará probablemente hoxe a adxudicación definitiva. No cruce de datos entre adxudicacións de Galicia e das CC AA en coordinación co Ministerio, aparecen 187 personas que obteñen prazas en especialidades do mesmo corpo nos dous ámbitos territoriais e mesmo algunha máis, derivada da xestión de renuncias. A Consellería deu autorización ao Ministerio para publicar a listaxe destas persoas que terán que facer un acto explícito de aceptación ou renuncia no ámbito territorial do Estado.
  • Algunha persoa que renuncie en Galicia e non acepte no Estado (é dicir, estaría renunciando tamén de facto) quedaría sen praza en ningún dos dous sitios. Podería, iso si, obter praza igualmente en Catalunya, País Vasco, etc.