CCOO Ensino reúnese co Director Xeral de Centros e Recursos Humanos para esixir a modificación do concurso xeral de traslados

Hoxe, venres 12 de maio, reunímonos co Director Xeral de Centros e Recursos Humanos e presentámoslle un documento demandando que a Consellería se coordine co Ministerio para establecer unha regulamentación transitoria para o concurso xeral de traslados. Esta regulamentación debe garantir a participación do profesorado que supere o proceso selectivo por concurso extraordinario de méritos en igualdade de condicións cos outros colectivos participantes.

As condicións de baremación dos distintos colectivos non poden xerar un agravio comparativo cos funcionarios/as que van acceder polo sistema extraordinario de concurso-oposición de 2023 nin para os funcionarios en prácticas que participen con cero puntos. E, do mesmo xeito, co funcionariado de carreira nomeado anteriormente (en expectativa ou definitivo).

O colectivo que supere o procedemento extraordinario de ingreso non terá fase de prácticas e será nomeado funcionario de carreira de forma inmediata, participando no seu primeiro CXT con puntos.

A falta dunha regulamentación específica causaría agravios comparativos en relación a outros grupos de funcionariado, tanto para aquelas persoas que xa tiveron a condición de funcionario/a de carreira como para aquelas que accedan en xuño de 2023 no procedemento extraordinario por concurso-oposición, participando en fase de prácticas e con cero puntos.

CCOO ten proposto en diferentes contextos institucionais a necesidade de modificar a regulamentación do concurso xeral de traslados para garantir un proceso xusto e igualitario para todas as persoas participantes.

Xa o 20 de abril, a Federación de Enseñanza de CCOO rexistrou unha nova solicitude á Secretaria de Estado demandando unha regulamentación transitoria do seguinte concurso xeral de traslados.

Hoxe, venres 12 de maio, o mesmo día que se resolve o CXT do curso actual, presentámoslle ao Director Xeral de Centros e Recursos Humanos un documento demandando que a Consellería se coordine co Ministerio para establecer unha regulamentación transitoria. Esta debe garantir a participación do profesorado que supere o proceso selectivo por concurso extraordinario de méritos en igualdade de condicións co profesorado que acceda no procedemento extraordinario por concurso-oposición.

As diferentes federacións de ensino de CCOO están a presentar demandas similares noutras comunidades autónomas este mesmo día. O obxectivo é presionar ao Ministerio de Educación para que aborde a modificación transitoria demandada.

Lembrade que, unha vez máis, o sindicato CCOO estará aí para loitar por que se respecten os dereitos do colectivo docente. Sabemos que é unha cuestión delicada, pero buscamos medidas xustas que beneficien ao colectivo no seu conxunto.

Xuntos e xuntas, temos o poder de cambiar as cousas.