O MEFP asume a proposta de CCOO dun Plan Estatal de Saúde Mental e Benestar da comunidade educativa

Este integrarase no marco da revisión do Plan Estratéxico de Convivencia Escolar, e inclúe a necesidade de achegar medios materiais e humanos para atender á saúde mental e benestar emocional de alumnado, familias e de traballadores/as dos centros educativos.

O secretario de Estado de Educación, José Manuel Bar, asumiu a proposta de CCOO no pleno celebrado o 3 de maio. Nas súas propias palabras, “comprométese a traballar na liña do documento [presentado por CCOO]”. Así mesmo, ningunha das organizacións presentes no pleno amosou oposición.

É importante recalcar que, da asunción da proposta do noso sindicato no pleno do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar, despréndese que as organizacións que o integran apóiana. Isto supón que cinco organizacións sindicais, tres organizacións representantes de nais e pais, dúas asociacións de estudantes, as consellerías de educación de 15 comunidades autónomas presentes, un representante do defensor do pobo, o propio Ministerio de Educación e Formación Profesional (MEFP), xunto aos de Sanidade, Interior e Xustiza, e o “Instituto de la Juventud”, entre outros, apoian a posición de CCOO sobre a necesidade dun plan de saúde mental e benestar para a comunidade educativa.

Este é un fito importante, xa que o MEFP comprométese á negociación e elaboración dun plan de saúde mental e benestar que se incluirá no Plan Estratéxico de Convivencia Escolar.

Desde CCOO celebramos que o noso traballo e as nosas propostas sirvan de base para avanzar e mellorar a realidade da comunidade educativa. Con todo, somos conscientes de que o compromiso ten que facerse realidade e que, chegado o caso, a proposta deste sindicato non pode quedar descafeinada. Por iso, non baixaremos a garda ata que as administracións garantan que os centros conten cos recursos persoais, materiais e organizativos suficientes para facilitar unha adecuada resposta ás dificultades da comunidade educativa e a creación de protocolos áxiles e garantistas de coordinación cos sistemas públicos de saúde, servizos sociais e demais institucións públicas relevantes.

CCOO empraza ás comunidades autónomas a abordar a saúde mental, o benestar e a boa convivencia da comunidade educativa de forma urxente e desde a ampliación dos recursos públicos necesarios. Neste sentido, entendemos que esta norma debería supoñer o aumento de cotas nos centros educativos, incluíndo a rede de orientación e a figura de coordinador/a de benestar e protección na infancia, equipos de coordinación e referencia nos centros públicos de saúde mental e nos centros educativos, protocolos claros, redución de horas lectivas para intensificar a acción titorial, a función titorial e a atención máis individualizada do alumnado e as súas familias, entre outros.

Na mesma sesión do pleno presentouse un estudo sobre a convivencia nos centros de Primaria, que fai unha análise pormenorizada da situación, pero que non afonda no que, ao noso xuízo, é esencial: a análise dos recursos persoais, materiais e organizativos cos que deberían contar os centros para potenciar unha cultura de paz e previr e intervir ante situacións de quebrantamento desta. Neste sentido, CCOO xa esixiu que para a figura de coordinación de benestar era necesario un incremento de persoal, con perfil específico, en todos os centros.

As administracións deben ter todas estas cuestións como unha absoluta prioridade e realizar o esforzo coordinado de investimento e un significativo incremento de recursos. A perspectiva debe ser sociocomunitaria coa coordinación de todos os servizos implicados e a mellora de todos eles. Todas estas problemáticas son sociais e a responsabilidade das solucións non pode recaer só sobre os centros educativos. CCOO vai seguir traballando e presionando ás administracións para asegurar o benestar e a protección de toda a comunidade educativa.