O acordo de acceso ás listas de interinidades e substitucións actualízase por consenso das organizacións asinantes tras a mesa sectorial do 7 de marzo de 2023
Mantéñense as listas estables de forma indefinida. Ninguén sairá das listas aos tres anos, como anunciara algunha organización sindical.

Esta addenda é necesaria para adaptar o Acordo aos cambios normativos introducidos pola Lei 20/2021 e outras normas que introducen modificacións nos corpos do profesorado que imparte na Formación Profesional.
Mentres outras posicións sindicais afirmaban que a Consellería presentaba unha proposta de addenda que ían aprobar sen cambios, CCOO presentou propostas que finalmente melloraron o texto presentado pola Consellería.
Este acordo demostra a necesidade da negociación para conseguir melloras para os colectivos que representamos.
O cambio normativo esixe modificacións para adaptarse ao novo contexto. CCOO enfrontouse a esta negociación coa intención de consensuar un texto que recollera dous elementos básicos:
- A continuidade de listas estables. Levamos tempo dicindo que estas non teñen caducidade aos 3 anos. A Administración aceptou a nosa interpretación. O texto do acordo recolle este principio.
- A blindaxe do profesorado das actuais listas de PTFP das 19 especialidades independentemente da titulación. Estas listas pasan a ser do corpo de PES.
Estes dous principios xa permitirían facer unha valoración positiva global da addenda, pero para CCOO había outras liñas vermellas vinculadas ás causas de renuncia: a adaptación das condicións de conciliación á normativa de concilias e a non eliminación da causa de ampliación de estudos. E na negociación conseguimos unha mellora global, de tal forma que se mantén a renuncia por fillo menor de 6 anos e amplíase a todos os casos recollidos nas comisións por concilia. Con respecto á ampliación de estudos, conseguimos que a Administración aceptase manter as que se refiren ás titulacións universitarias por 5 anos (os tres primeiros sen limitación algunha e os dous seguintes sempre que se superen unha porcentaxe mínima de créditos).
Por outra banda, aceptaron incluír como suposto de renuncia todo tipo de contratos, incluso a afiliación ao Réxime Especial de Traballadores/as Autónomos/as (sempre que se acredite un mínimo de seis meses dende a alta neste réxime).
Outras cuestións que se modificaron son as seguintes:
- Aceptación voluntaria de prazas de atención domiciliaria e en centros de menores.
- Inclusión do período de Entroido e doutros períodos non lectivos a efectos de continuidade do docente en caso de alta do titular no período non lectivo e a retirada da necesidade do visto e prace por parte da dirección do centro.
De novo, CCOO acorda unha addenda que mellora as condicións do profesorado interino, como vén facendo dende o ano 1995. Convén recordar que Galicia é a única comunidade que ten listas estables ininterompidamente dende esa data, e isto é posible grazas ás organizacións que somos capaces de negociar.
Se a Consellería pretendera manter a proposta sen cambios CCOO non asinaría esta addenda e incluso estariamos dispostos a retirar a nosa sinatura do acordo e mobilizar ao profesorado.
Finalmente, rexeitamos o posicionamento doutras organizacións sindicais pola súa actitude renunciando a súa función como sindicato representante do profesorado, partindo da premisa de que “nada hai que facer” ou incluso pedindo que Consellería faga os cambios á marxe das organizacións sindicaisben, agochando, desta forma, a súa inutilidade como organización sindical que nada conseguiu para o colectivo interino.