CCOO denuncia a posible vulneración da negociación colectiva e a falta de transparencia na creación do complemento salarial para o PTFP

No Consello da Xunta de 2 de marzo, aprobouse un complemento salarial específico para compensar a 665 docentes do corpo Profesores Técnicos de FP que non poden integrarse no corpo de Profesorado de Ensino Secundario (PES) por non dispor da titulación requerida tras á implantación da LOMLOE.

Se ben é unha solución para os e as 665 docentes citados,  e CCOO Ensino se congratula por iso, tamén é certo que deixa a súa sorte a outros colectivos. O conselleiro pode reunirse cos colectivos que teña a ben, pero a negociación das condicións salariais teñen o seu ámbito na Mesa Sectorial e os seus interlocutores nas organizacións sindicais, que representamos a todo o colectivo de trabaladoras e traballadores. Non facelo así pode ter consecuencias xudiciais. 

As críticas da Xunta ao proceso regulado polo Ministerio de Educación, por crear desigualdade no colectivo do PTFP, non son máis que marketing para tapar os propios erros. O que tiña que ter feito a Consellería era denunciar o RD de integración e non o fixo. Pola contra CCOO si presenteou demanda contra o citado RD e contra a Orde publicada en Galicia. 

CCOO Ensino foi a organización que impulsou este proceso coas primeiras demandas dende 2019. Reclamamos de forma reiterada á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos dende hai meses na totalidade das mesas de negociación que esta era a única solución viable para non incurrir nun agravio comparativo con outros docentes que desempeñan o mesmo traballo e imparten as mesas ensinanzas, pero a solución da Consellería non é suficiente.

CCOO Ensino denuncia que non se pretenda estender o dereito ao complemento salarial ao profesorado interino con carácter retroactivo como vai suceder co profesorado de carreira. Tampouco se estende aos compañeiros do corpo de sectores singulares da FP, nin ao profesorado xubilado despois de xaneiro de 2019. De confirmarse, CCOO Ensino veríamonos obrigados a recorrer xudicialmente a medida caso a caso para que se faga extensible ao colectivo interino, como xa fixo cando se publicou o Real Decreto a nivel estatal e a Orde de integración no corpo de PES do profesorado de PTFP reclamando de todos os dereitos económicos e administrativos tamén a profesorado interino, xubilado e de prácticas.

Finalmente, CCOO Ensino reclama que tal complemento salarial sexa tamén extendido ao resto de persoal docente que permanece aínda en grupo A2, como as persoas integrantes do corpo de Mestres e do corpo de Mestres/as de Taller de Artes Plásticas e Deseño, xa que CCOO Ensino sempre demandou que se extendera a equiparación salarial tamén a estes colectivos.