CCOO reclama mobilizacións no ensino concertado

CCOO considera que, se neste mes de marzo non se producen avances na reposición de dereitos suprimidos ás persoas traballadoras do ensino concertado, tal como se acordou na Mesa Tripartita do Ensino Concertado do 16 de decembro de 2022, a mobilización do sector será unha esixencia inescusable.

Os traballadores/as da concertada galega á cola do Estado.

 Nota de prensa

Publicado o 02 de marzo de 2023

A situación das persoas traballadoras do ensino concertado en Galicia, comparada coa dos compañeiros e compañeiras do resto do Estado, é inaceptable. Non podemos seguir impasibles e indiferentes vendo como no resto das comunidades se progresa en xubilación parcial, acordos de mantemento de emprego, paga de antigüidade, sexenios, equiparación salarial, redución da xornada lectiva, pagamento de coordinacións e xefaturas de departamento, incremento de partidas orzamentarias en módulos, redución progresiva da xornada lectiva a maiores de 54 anos… Mentres, en Galicia retrocedemos en dereitos, lexíslase expresamente contra os traballadores e traballadoras do ensino concertado e ignóranse as chamadas á negociación e a reposición dos dereitos suprimidos.

Esta situación xa vén de vello e non é produto de crises económicas nin da baixada da natalidade; é consecuencia de decisións políticas e da indiferenza da maioría sindical que consente esta situación e renuncia a liderar a defensa das persoas traballadoras. CCOO non contamos coa maioría sindical que si teñen outras organizacións e a nosa representatividade na concertada non é suficiente para convocar as mobilizacións que hai anos vimos reclamando. Pero seguimos insistindo na necesidade de mobilizar o sector para mudar a dinámica e frear a hemorraxia de perda de dereitos.

Vivimos nunha situación enquistada: os que teñen o poder político para resolver a situación néganse a facelo; e os que teñen o poder sindical para desbloqueala resístense a exercelo… e levamos así máis de doce anos.

Agora a situación volveuse crítica. Se non lle pomos remedio, este curso e os vindeiros asistiremos a un rosario de peches de unidades e perda de postos de traballo, e perderase, unha vez máis, a oportunidade de mellorar a calidade do ensino e das condicións laborais.

Na Mesa Tripartita do Ensino Concertado do día 16 de decembro de 2022, o director xeral de Centros e RRHH comprometeuse a darnos unha resposta no primeiro trimestre de 2023. Se esa resposta non chega ou non é satisfactoria, CCOO consideramos imprescindible convocar mobilizacións e paros no sector; CCOO faremos o imposible para que, de producirse ese escenario, se sumen todas as organizacións sindicais. Se a organización maioritaria se inhibe unha vez máis, CCOO estamos dispostos a convocar as mobilizacións xunto con aqueloutras organizacións sindicais que compartan as mesmas reivindicacións.

Ás patronais pedímoslles que mostren agora o mesmo celo e compromiso que demostraron coas mobilizacións contra a LOMLOE e faciliten e animen a participar aos seus traballadores e traballadoras, do mesmo xeito que o fixeron na concentración que convocaron en xuño de 2022 para acadar unha reunión coa Consellería que xa estaba acordada e concedida.

Se a Consellería de Educación non cumpre os compromisos, mobilizacións xa