O Convenio de Discapacidade segue plenamente vixente por estar en ultraactividade
A organización sindical FSIE está tratando de trasladar aos centros de traballo unha interesada confusión sobre a situación do Convenio Colectivo. Cando din que seguimos sen convenio, minten. Hai que recordarlles que as persoas traballadoras están perfectamente protexidas, xa que empresas e entidades están obrigadas a seguir aplicando todo o articulado acordado no XV Convenio Colectivo, ao atoparse en situación de ultraactividade.

Por se non fose suficiente, non escatiman esforzos en facer demagoxia cando abordan a cuestión das táboas salariais. Por un lado, interpoñen unha demanda para reclamar uns incrementos regulados por un convenio que non asinaron; e, por outro, cando se obtén unha sentencia favorable recoñecendo eses incrementos, entón din que son insuficientes. Todo un exercicio de hipocresía, alarmismo, incoherencia e falta de rigor pola súa parte.
Cómpre recordar que CCOO interpuxo a demanda contra a inaplicación do artigo 32 o 11 de xullo de 2022; UGT, o 19 de xullo, e FSIE, o 26 de setembro (unha semana antes do xuízo). Trala sentencia favorable, CCOO e UGT asinaron as táboas salariais en aplicación do fallo do Tribunal.
Así mesmo, no caso dos centros educativos, o incremento acordado foi exactamente o mesmo que eles subscribiron no sector do Ensino Concertado, sendo aquí o sindicato maioritario. Estamos desexosos de coñecer as súas propostas retributivas neste sector para as categorías con salario base actual de 978 €.
CCOO segue negociando o XVI Convenio Colectivo e actuando con coherencia na defensa dos intereses das persoas traballadoras do sector, a diferenza de quen sementa dúbidas e minte coa esperanza de arrincar unha manchea de votos nas eleccións.