A reunión da mesa negociadora remata sen acordo

XVI CONVENIO COLECTIVO DE CENTROS E SERVIZOS DE ATENCIÓN A PERSOAS CON DISCAPACIDADE

A reunión da mesa negociadora celebrada este 10 de outubro para tentar consensuar unha proposta en materia retributiva que resolvese o conflito presentado ante a Audiencia Nacional, en relación coa inaplicación do artigo 32, rematou sen acordo.

A proposta inicial de CCOO en materia retributiva partía de retomar as táboas consensuadas no seu momento e engadir os seguintes elementos de mellora:

  • Introducir cláusulas de revisión salarial que permitisen incrementar un 3 % as táboas salariais no período 2022-2024.
  • Introducir unha cláusula de revisión salarial que permitise incrementar un 2 % as táboas salariais de 2025.
  • Establecer un salario base mínimo de 950 euros en colexios educativos.
  • Establecer un salario base de 900 euros para o/a operario/a.
  • Recoller no convenio que complementos salariais como o de nocturnidade ou o de festividade fosen non absorbibles e non compensables ante calquera tipo de incrementos futuros noutros conceptos (incluíndo o SMI).

Finalmente, as esixencias das organizacións patronais con respecto a cuestións que ían moito máis alá do propio obxecto da reunión fixeron imposible que puidésemos chegar a un acordo, malia os avances alcanzados durante a reunión canto aos incrementos salariais. As súas formulacións esixían:

  • Retirada das dúas demandas interpostas na Audiencia Nacional.
  • Inclusión dunha nova redacción da disposición transitoria sétima na que se explicitase que todos os complementos recollidos no convenio, incluíndo o de desenvolvemento profesional (N1 e N2), fosen absorbibles e compensables.
  • Supresión do actual 32.3, que garante que as partes han reunirse para adecuar as táboas salariais ao novo valor do SMI.
  • Vincular a validez do acordo que se estaba negociando en materia salarial a que se asinase o convenio íntegro antes do 15 de novembro, deixando sen efectos o acordo en caso contrario.

 

Esta última condición resultaba moi perigosa e, por tanto, inasumible, porque coas demandas retiradas, se non se pechaba o resto do convenio colectivo na data proposta, a parte retributiva que se acordase quedaba sen efectos. Xogada mestra das patronais: sen demandas, sen táboas salariais e sen convenio. CCOO defendeu en toda a negociación o asinamento dun acordo definitivo en materia retributiva non condicionado e a continuidade das negociacións no resto do articulado.

CCOO lamenta profundamente a actitude irresponsable das patronais educativas que, despois do receso do mediodía para xantar, se ausentaron das negociacións. Demostráronnos o seu nulo interese en evitar a sentenza da Audiencia Nacional e a súa manifesta vontade de non chegar a acordos, nun exercicio de desprezo absoluto á negociación colectiva, ao resto de organizacións e ao colectivo de traballadores e traballadoras do sector.

CCOO constatou hoxe que as organizacións patronais tiñan marxe para seguir negociando aínda que tamén esixían contrapartidas inasumibles por nós, por prexudicar precisamente as persoas traballadoras que xa teñen as peores condicións do sector. A pesar do esforzo realizado, non se puido pechar un acordo que disipe a inquietude creada ante unha incerta resolución deste conflito. Pero non podemos aceptar que, amais de incumprir o asinado no XV convenio colectivo, se nos esixan novas condicións que convertan en papel mollado o posible acordo se non se acaba asinando o convenio na súa totalidade.

Logo deste último intento frustrado, só cabe esperar as sentenzas da Audiencia Nacional. CCOO foi a única organización sindical coherente en todo este proceso, a diferenza doutras organizacións que, sen estaren presentes na mesa negociadora, se montaron no carro dos conflitos colectivos dun xeito caótico, con pretensións incorrectas ás que tiveron que renunciar durante o xuízo, ou daqueloutras que, estando presentes na mesa negociadora, non participaron das mobilizacións nin foron proactivas na busca do acordo.

Desde CCOO agradecémoslles á nosa afiliación, aos nosos delegados e delegadas e ao conxunto de traballadores e traballadoras do sector a súa implicación en todo o proceso de negociación e mobilización. Mobilizámonos cando foi necesario e mostramos ata o final a nosa vontade de negociar unha saída pactada ao conflito. E seguirémolo facendo tantas veces como sexa necesario.