28 de Abril 2022, Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo

É o momento de empezar a avaliar os efectos que, en termos de saúde, está tendo esta traxedia. Máis de once millóns de contaxios e por riba de 100.000 mortes en España, con case 600.000 contaxios e 3.208 mortos en Galicia desde o inicio da pandemia, son a demostración máis visible da dimensión do problema pero, conforme pasa o tempo, van aflorando outras cuestións que afrontar, como as derivadas dos casos de Covid persistente, con consecuencias laborais para as persoas que a sofren e que esixen políticas de prevención e de seguridade social específicas que aínda non se están desenvolvendo. E seguen pendentes outras como que, no noso país, a covid-19 segue sen ser incluída na listaxe de enfermidades profesionais, o que fai que moitas persoas traballadoras queden desamparadas e sen a prestación que merecen.

Coa pandemia tamén saíu á palestra o grave problema de saúde mental na nosa sociedade. Os sindicatos xa viñamos denunciando con anterioridade como a precariedade e a deterioración das condicións de traballo están afectando a saúde da poboación traballadora. As patoloxías derivadas da exposición aos riscos psicosociais non se consideran enfermidade profesional e os trastornos mentais apenas se notifican como accidente de traballo. É imprescindible e urxente desenvolver lexislación específica e impulsar políticas públicas para afrontar este problema de primeira orde, no que os servizos públicos de saúde poden impulsar diagnósticos de sospeita cando chegan ás súas consultas patoloxías susceptibles de ser de orixe profesional.

Os accidentes de traballo con baixa repuntan en España un 18 % respecto ao ano anterior, un 18,30% en Galicia, tal como cabía esperar despois dun 2020 no que diminuíron un 22 %, e un 32% en Galicia, pola freada da actividade produtiva debido ao inicio da pandemia. Se ben a incidencia da sinistralidade se mantén en valores inferiores á etapa prepandemia, non é menos certo que segue estancada e non foi posible reducila na última década. Non nos podemos resignar a contabilizar máis de 1.300.000 accidentes de traballo e máis de 700 mortes ao ano e España, 26.000 accidentes e 48 mortes ao ano en Galicia. Custa moito dixerir que ano a ano se sigan producindo mortes por causas que facilmente se poden previr e evitar, como as caídas en altura, golpes ou atrapamentos. Neste momento en que a actividade parece volver a relanzarse grazas, en parte, á posta en marcha dos proxectos asociados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, moitos deles destinados a sectores con alta sinistralidade, é esencial que o proceso veña acompañado dun pulo decidido ás políticas públicas activas en materia de prevención de riscos laborais, así como dun aumento da actividade inspectora.

O subrexistro de enfermidades profesionais intensificouse durante o período de pandemia. Os escasísimos 9.358 partes comunicados de baixa por enfermidade profesional no 2021, 755 en Galicia, retrotráennos a niveis de notificación do 2015. O procedemento de notificación e rexistro é absolutamente inoperante, priva as persoas traballadoras do recoñecemento da orixe laboral da súa enfermidade e do acceso ás prestacións ás que teñen dereito, ademais de ter un impacto directo na prevención, porque o que non se rexistra non existe e, polo tanto, non se prevén. E, se nalgún tipo de patoloxías é especialmente escandalosa esta ineficacia é nos cancros de orixe laboral. No 2021 só se comunicaron 51 partes de enfermidade profesional por axentes canceríxenos, dos cales só 35 foron con baixa, 1 en Galicia. E iso cando as estimacións máis prudentes elevan a máis de 10.000 os casos anuais de cancro por exposicións laborais en España.

Capítulo á parte é a situación do amianto, un canceríxeno cuxo uso leva vinte anos prohibido e que seguirá causando enfermidade e morte mentres non se elabore unha estratexia estatal para a súa erradicación. A eliminación de amianto asociada aos proxectos de rehabilitación de edificios para a mellora da súa eficiencia enerxética é un bo primeiro paso, pero cómpren liñas específicas de financiamento para desterrar o amianto da historia do noso país. Debemos recordar que os poderes públicos españois teñen unha débeda coas persoas que enfermaron polo amianto en tempos en que, malia coñecer os seus efectos mortais, non se prohibiu o seu uso. Por iso, hai que aprobar o fondo de compensación das vítimas do amianto e dar cobertura ás exposicións laborais, familiares e ambientais, librándoos do calvario administrativo e xudicial ao que actualmente se ven sometidos para ver os seus danos indemnizados.

No que levamos de lexislatura, o Goberno e os axentes sociais acometemos políticas e cambios lexislativos para afrontar os desafíos da pandemia e da precarización do sistema de relacións laborais. Os ERTE, as subas de SMI, a lei rider, a lei do traballo a distancia e, sobre todo, a reforma laboral supuxeron un xiro significativo nas políticas sociolaborais. A redución da temporalidade que xa se apunta nos primeiros meses de vixencia da reforma laboral será, sen dúbida, un vector de mellora dos indicadores de saúde e seguridade no traballo. É unha realidade que a precariedade laboral mata e déronse pasos importantes para acabar con ela, pero se non se impulsan políticas decididas en materia de prevención de riscos, se non se converte nunha das prioridades do Goberno de coalición, esas melloras poden verse anuladas.

Neste contexto, o Goberno debe abrir unha mesa de diálogo social para poñer o foco na prevención de riscos laborais e nas condicións de saúde e seguridade nos centros de traballo. Cómpre repensar o modelo de xestión preventiva nas empresas e fortalecer os organismos con competencias en materia de seguridade e saúde no traballo.

Son necesarios cambios lexislativos para interiorizar a prevención no seo das empresas, co fin de xestionar a prevención de maneira eficaz, así como reverter as normas que lle permitiron ao empresario asumir a prevención nas empresas de ata 25 persoas traballadoras, mellorar a calidade das actividades preventivas (tanto técnicas como de vixilancia da saúde), incorporar a perspectiva de xénero na prevención e abordar os riscos derivados das novas formas de organización do traballo (dixitalización, intelixencia artificial, teletraballo, traballo en plataformas), especialmente o seu impacto nos riscos psicosociais, así como os riscos derivados dos efectos que o cambio climático ten para a saúde das persoas traballadoras. Precísase ampliar os recursos humanos e materiais da Inspección de Traballo e dos organismos técnicos como o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, e unha Fiscalía que acometa con máis intensidade a súa acción nos delitos de risco e de dano á saúde das persoas traballadoras. Tampouco pode faltar a creación do delegado ou delegada de prevención territorial e/ou sectorial para todas aquelas empresas en que non dispoñen de representación sindical. Deben incorporarse ao ordenamento español directivas como as de canceríxenos ou de radiacións ionizantes sen rebaixar os niveis de protección vixentes en España e sen incumprir os períodos máximos de transposición, como vén sucedendo. Hai que actualizar o cadro de enfermidades profesionais e cambiar o seu sistema de notificación por outro máis operativo.

Actualmente, estamos inmersos na negociación da futura Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2022-2027, na que os sindicatos temos como prioridade que se garantan ambientes laborais seguros e libres de riscos, co fin de conseguir o maior impacto posible na mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo e na redución da sinistralidade.

En definitiva, necesitamos poñer a prevención de riscos laborais no centro da recuperación e poñer as persoas no centro de todas as políticas. Porque a saúde é un dereito fundamental tamén no traballo.