Negociación da Oferta Pública de Emprego derivada da Lei 20/2021 na Mesa sectorial do 29 de marzo

Intervención Mesa Sectorial 29/03/2022 de CCOO ensino (EN COR VERMELLO ESTÁN AS CONTESTACIÓNS DA ADMINISTRACIÓN)

 

1. Negociación OPE Lei 20/2021. 

A Consellería emprazounos a unha nova mesa sectorial para negociar a OPE Lei 20/21, tras presentar o documento “proposta de criterios para a aplicación da Lei 20/2021, de 28 de decembro, ás OOSS a semana pasada. 

A Consellería estableceu, de forma unilateral, a seguinte orde na definición e cuantificación das prazas obxecto do concurso de méritos. 

● Definición das prazas da DA 6ª 

● Definición das prazas da DA 8ª 

● Definición das prazas de concurso oposición do artigo 2 Lei 20/2021. 

● Identificación das prazas vacantes que teñen titular para restar ás anteriores. 

 

A administración trae á mesa sectorial a cuantificación total das prazas pola DA 6ª e DA 8ª, estas últimas restadas as incluídas na DA 6ª. Así mesmo, aquelas prazas que irían ao concurso oposición. A Consellería o criterio que aplica é  o de estar ocupadas a 31 de decembro de 2021, criterio co cal non estamos dacordo e esiximos que se aplique a 31 de decembro de 2020. 

Sobre a totalidade de prazas, a Consellería aplica o criterio de restar as prazas ocupadas con carácter definitivo por profesorado que non prestar servizos no centro e as de cargo directivo nos centros de secundaria do tipo A. 

De tal forma que da DA 6ª se convocarán unha totalidade de 361 prazas e da DA 8ª 740. Para o concurso oposición 115. 

Lamentamos, de forma significativa, o escaso número de prazas que saen para o concurso-oposición mediante un sistema transitorio. A Lei 20/2021 deixaba claro que as prazas deste proceso debían estar ocupadas de forma  ininterrompida con anterioridade ao 01/01/2018 e ser estruturais. Desde CCOO non estamos de acordo en que estas prazas deban estar ocupadas a 30/09/2021 xa que a Lei no seu  artigo 2.1 establece que “estiveran ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo  menos nos 3 anos anteriores a 31 de decembro de 2020”. Se tomamos como referencia o 31 de  decembro de 2020 a oferta de prazas é bastante maior.  Demandamos un cambio de criterio temporal. A CONSELLERÍA DETERMINA QUE A DATA DO 2020 ESTÁ TOTALMENTE REXEITADA. 

Demandamos á Consellería que compute como estruturais as prazas de xornada  reducida e as derivadas das reducións de xornada do persoal que desempeña cargos  directivos en determinados centros. DESESTIMAN QUE SE INCLÚAN AS PRAZAS A XORNADA PARCIAL. INCLÚEN AS PRAZAS DE CARGO DIRECTIVO DE CENTROS, AGÁS AS DE CENTROS TIPO A. 

Esiximos á Consellería que nos facilite o listado de prazas vacantes a ofertar por cada un dos  anteriores apartados con datos suficientes para coñecer a trazabilidade de cada unha delas e  poder discutilas unha a unha. A CONSELLERÍA INFORMA DE MAÑÁ NOS ENVIARÁN OS DATOS CONCRETOS PARA PODER CONTRASTAR COS NOSOS DATOS. 

ORIENTACIÓN E PRÁCTICAS E ACTIVIDADES E OUTRAS ESPECIALIDADES QUE NON ESTÁN RECOLLIDAS NO RD NON VEN NINGUNHA SOLUCIÓN VIABLE. NON VAN PODER SACALAS. 

CONFÍRMASE QUE HABERÁ FASE DE PRÁCTICAS PARA OS QUE OBTEÑAN PRAZA NO CONCURSO DE MÉRITOS.

VAISE RECOLLER QUE NON SE CUBRAN AS PRAZAS DA QUENDA DE DISCAPACIDADE A LIBRE SE NON SE PRESENTA NINGUÉN. 

 

2. Rogos e preguntas. 

  • Demandamos información sobre o proceso de integración do profesorado técnico de FP no corpo de Profesorado de Educación Secundaria. NON PODEN APORTAR NADA NOVO. 

  • Preguntamos pola data da resolución definitiva do CXT. PREVÉN QUE SAIA PARA A SEMANA QUE VÉN PERO NON TEÑEN DATAS CONCRETAS. PUBLICARASE ANTES O ESPECÍFICO DE ORIENTACIÓN. 

  • Solicitamos unha data aproximada da publicación de admitidos e excluídos do concurso-oposición. NON RESPONDEN 

  • Instamos a que se cubran todas as baixas de substitucións indepentemente da súa duración e que non se elimine ningunha vacante de baixas cargadas polos centros por parte da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. REXEITAN A COBERTURA DAS BAIXAS MENORES DE 15 DÍAS. 

  • Esiximos que a Consellería cumpra a lexislación vixente e que acometa dunha vez por todas a realización do Plan de Igualdade que afectaría ás traballadoras e traballadores da Consellería ao cal está obrigada por lei.  NON RESPONDEN

  • Insistimos na necesidade dunha circular aclaratoria sobre que aspectos da lexislación derivada da LOMLOE e das normas COVID poda ser susceptible de proceso selectivo por parte dos tribunais. REXEITAN FACER UNHA CIRCULAR ACLARATORIA DA LEXISLACIÓN A APLICAR NA OPOSICIÓN. 

  • Solicitamos unha actualización das indemnizacións por razón do servizo en concepto de compensación por desprazamento ante o incremento do prezo dos carburantes, considerando que tal contía (0,19 euros/km) leva invariable dende fai máis de 20 anos. NON RESPONDEN

  • Solicitamos que a Administración porporcione cunha antelación suficiente o resto de borradores de decreto de currículums que están pendentes (primaria, secundaria, bacharelato) para que a comunidade educativa poida ser partícipe facendo as achegas que consideren pertinentes. NON RESPONDEN