CCOO reclama da USC que desista da intención de nomear funcionarios interinos no ámbito de proxectos

O acordo para a reforma laboral  acadado a finais de decembro entre CC.OO e UGT co Goberno e a CEOE plasmado no Real Decreto-lei 32/2021 vén a modificar de xeito substancial o marco legal das contratacións laborais, tamén na USC; suprimindo o contrato por obra ou servizo e establecendo o contrato indefinido como a relación laboral ordinaria. 

Este acordo ratificado polo Congreso dos Deputados a finais de xaneiro, nunha accidentada votación, representa unha oportunidade única para dignificar as condicións laborais do numeroso grupo de persoas traballadoras que desenvolven tarefas de investigación vinculadas a proxectos na USC. Persoas, polas que dende CC.OO levamos anos loitando, tratando de mellorar a súa estabilidade e a regulación das súas condicións de traballo. A oportunidade aberta coa reforma laboral non debe ser sorteada con ningunha trampa nin subterfuxio por parte de ninguén, tampouco na USC.

Nese sentido, dende a sección sindical de CC.OO, queremos deixar claro que non aceptaremos en ningún modo a introdución da figura da contratación de funcionarios interinos por programa, no ámbito da investigación e os proxectos, para substituír os contratos por obra ou servizo suprimidos pola reforma laboral. 

O acordo actualmente vixente, sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación, publicado no DOG e rexistrado na Dirección Xeral de relacións laborais, necesita ser adaptado ás novas circunstancias. Así se prevé no seu propio texto, no que aínda que a súa vixencia é indefinida, tamén se acorda a constitución dunha comisión paritaria, que ten entre as súas funcións: “Actualizar o contido deste acordo para adaptalo ás modificacións que poidan derivar de cambios normativos”.

A día de hoxe, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) xestiona unha gran cantidade de recursos dedicados á investigación dentro do Sistema Universitario Galego (SUG), implicando un gran número de proxectos, actividades e servizos de I+D e innovación que fai que estea colocada dentro dos primeiros postos a nivel estatal, e sexa a universidade líder dentro do SUG.

Esta fortaleza, sostida polo esforzo do capital humano (tamén do persoal de proxectos) ten que ser fornecida e apoiada para seguir dando pasos firmes cara á excelencia, e servindo tamén de referencia en canto á posta en valor do persoal de investigación das Universidades Públicas. E nese sentido apoiamos as demandas, fronte á administración autonómica e do estado, de financiamento adecuado e de provisións para dotar dunha estrutura forte á labor investigadora das universidades.

A vía non pode ser a busca de vías alternativas á contratación laboral ordinaria (legal) deixando novamente sen dereitos ao persoal de proxectos, tal e como propón a xerencia no seu borrador para un novo acordo. Buscan eludir incluso a indemnización de 12 días por ano traballado (3,28% de custe) do contrato de obra ou servizo polo nomeamento como funcionarios interinos (sen dereito a indemnización ningunha). En vez da indemnización de 20 días por ano traballado (5,47%) do despido por causas obxectivas da contratación indefinida. En CC.OO temos claro que a investigación debe ser mellor financiada, pero nunca á costa de reducir os dereitos do persoal máis precario.

Outro asunto que é preciso negociar canto antes é tamén o da aplicación da lei 20/2022 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, que tamén é froito do acordo sindical acadado en xullo pasado. Estamos, a este respecto, á agarda de recibir da xerencia a documentación que nos permita cuantificar e identificar os postos de traballo que serán susceptibles de estabilización e consolidación.