A inspección de traballo volve constatar un novo incumprimento flagrante da Lei de Prevención de Riscos Laborais por parte da Consellería de Educación

Como resultado da denuncia presentada por CCOO-Ensino, a Inspección de Traballo, na reunión celebrada o luns, 31 de xaneiro, en presenza das organizacións sindicais, volveu constatar a nula importancia que a Consellería de Educación outorga á prevención de riscos laborais dos seus traballadores/as.

A requirimento da Inspección de Traballo, a Consellería de Educación debía proporcionarlle nesta reunión á representación legal dos traballadores/as documentación sobre a planificación da realización da avaliación de riscos laborais en todos os centros públicos dependentes da Consellería, tal e como esixe a Lei de prevención de riscos laborais, así como o calendario de visitas e reunións que debería manter co Comité de Seguridade e Saúde Laboral durante o ano 2022 —mínima unha trimestral— para informar as organizacións sindicais de tales avances na realización das avaliacións de cada centro.

A Inspección de Traballo constatou o incumprimento flagrante das obrigas en materia preventiva por parte da Consellería de Educación, ao non poder proporcionar nin a ela nin á representación legal dos traballadores/as tal documentación.

CCOO-Ensino lamenta a nula importancia que a Consellería de Educación outorga á unha materia tan esencial como é a prevención de riscos laborais, máis se cabe nos tempos actuais de pandemia, e seguirá denunciando ante autoridades laborais e xudiciais tales incumprimentos.