A ministra de Educación anuncia a creación dun novo corpo de Profesorado Especialista en sectores singulares da FP no que se inserirán as especialidades que non necesitan posuír titulación universitaria

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, anunciou que a nova Lei orgánica de Formación Profesional incluirá a creación dun novo corpo docente de "profesores especialistas en sectores singulares da Formación Profesional", englobado no grupo funcionarial A2 e no que se incluirán dez especialidades.

Así o explicou na Comisión de Educación e Formación Profesional do Congreso. Para as dez especialidades docentes que non requirían o grao universitario e ás que se podía acceder cunha titulación de técnico superior declarada equivalente para os efectos de docencia, a nova lei de Formación Profesional creará un corpo docente denominado "profesores especialistas en sectores singulares da Formación Profesional". Estará integrado no grupo funcionarial A2 e seguirase permitindo o acceso cunha titulación equivalente para os efectos de docencia.

Este corpo incluirá as especialidades de:

·       Cociña e pastelaría

·       Estética

·       Fabricación e instalación de carpintaría e moble

·       Mantemento de vehículos

·       Mecanizado e mantemento de máquinas

·       Patronaxe e confección

·       Peiteado

·       Produción de artes gráficas

·       Servizos de restauración

·       Soldadura

Estes cambios quedarán establecidos na nova lei orgánica de Formación Profesional, cuxo primeiro borrador do texto irá a Consello de Ministros a mediados do mes de xuño.