INFORMACIÓN IMPORTANTE SOBRE RPT E CONCURSO DE TRASLADOS DO PROFESORADO DE RELIXIÓNS

ver infórmaTE

O profesorado de relixións estaba neste curso 2019-2020 ante o feito máis importante para este colectivo de traballadoras e traballadores en Galicia nos últimos dez anos: a resolución dunha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) e un posterior Concurso de Traslados en base a esta. O estado de alarma fixo que este importante fito quedase paralizado.

Dado que os prazos para levar a cabo o Concurso cada vez son máis axustados por mor da data na que nos atopamos, e xa que son un paso fundamental de cara á estabilización do profesorado de relixións, dende CCOO-Ensino puxémonos en contacto co resto das organizacións sindicais que contan con representación no profesorado de relixións para facer unha solicitude conxunta á Consellería para que seguise adiante o proceso unha vez levantado o Estado de Alarma. Agás un sindicato, todos declinaron a invitación a participar nunha videoconferencia para tratar este tema por considerar que non era oportuno facelo neste momento.

Decidimos facer distintas xestións en solitario. A data de hoxe, podemos dicirvos que temos informacións que apuntan a que os plans da Consellería para a nova RPT seguirán adiante, pero temos dúbidas que suceda o mesmo có Concurso e, polo tanto,  cremos que existe o risco de que este quede adiado para o curso que ven. 

Motivados pola seguridade sobre o posto de traballo que implica a nova RPT e o Concurso de Traslados, a Federación de Ensino de CCOO ven de solicitar á Consellería de Educación:

  • Que se informe de cales das alegacións presentadas á RPT e ao borrador do Concurso de Traslados son aceptadas.
  • O compromiso a retomar de xeito inmediato, en canto a norma permita a reanudación dos prazos administrativos, a tramitación do Concurso de Traslados

O noso compromiso coas traballadoras e traballadores encargados de impartir o ensino das relixións en temas laborais de tanta relevancia como este é prioritario, e seguiremos dando os pasos necesarios para que este proceso de estabilización siga adiante.