CCOO CONSIDERA UN ATAQUE Á EQUIDADE A CREACIÓN DUNHA UNIVERSIDADE PRIVADA EN GALICIA PATROCINADA POR UNHA ENTIDADE FINANCEIRA

CCOO remítelle o texto deste manifesto aos tres reitores das universidades galegas solicitándolles unha xuntanza urxente para lles manifestar o noso apoio ao Sistema Público Universitario de Galicia, xa que consideramos esta proposta como un ataque ao dito sistema.

Desta proposta cabe destacar:

  • A oferta de títulos que publica a proposta de Afundación entra en absurda competencia coa existente dende o sistema universitario público galego e vén duplicar a oferta de estudos coa agravante de que, precisamente nestes, existe unha maior oferta de prazas públicas respecto ao demandado.
  • A proposta en cuestión non se insire na realidade de Galicia, máis ben todo o contrario; xa, dende o propio nome anunciado «Universidad intercontinental de la Empresa» (lembremos que na actualidade denomínase «Instituto de educación superior intercontinental de la empresa») mostra a súa vontade de recrutar o alumnado preseleccionándoo por distintas vías (bolsas e facilidades aos relacionados coa propia Abanca, abaratamento da obrigada formación dos seus propios traballadores e traballadoras por imperativos europeos, recrutamento de elites americanas co retorno conseguinte, promesas de colocación posterior en empresas seleccionadas…) e obvia toda vontade de compromiso en prol da cohesión social de Galicia, comezando co desprezo á normalización lingüística que todo estudo universitario está obrigado a considerar.
  • O pasado 9 de decembro, na xuntanza do Consello Galego de Universidades, aprobouse aceptar a tramitación da iniciativa de Afundación. Denunciamos a complicidade dos representantes do Goberno galego con semellante espuria intención, incumprindo a súa obriga de defensa do común; do mesmo xeito procederon todos aqueles membros que, no seu día, foran nomeados polo PP, ou polo propio Goberno, destacando os presidentes dos consellos sociais das tres universidades, sen que estes se pronunciasen formalmente e contradicindo o votado polos seus propios reitores.