O profesorado galego mobilizarase para recuperar os horarios lectivos anteriores ao 2012

As accións conxuntas serán as seguintes :

  • Concentración das delegadas e delegados do ensino en San Caetano, o vindeiro mércores, 13 de novembro 
  • Concentracións do profesorado nas sete grandes cidades galegas o xoves, 21 de novembro. ás 19:30 h
  • Folga unitaria do ensino o día 12 de decembro

Ante a negativa da conselleira a iniciar a negociacion para a recuperación dos horarios lectivos de 18 horas en secundaria e de 21 en primaria, estes últimos recortados por Feijóo antes dos recortes do Estado, as organizacións sindicais daremos unha resposta contundente.

Estas mobilizacións anunciáronse en rolda de prensa esta mañá, en Santiago, por membros de todos os sindicatos con representación no ensino (CCOO Ensino, CIG, ANPE, FeSP-UGT, STEG e CSIF).

As demandas dos e das representantes do profesorado son xustas e queremos salientar que non se trata de ningunha redución de horario de traballo, que continuaría a ser o mesmo, senón dunha redución de horario lectivo que permitiría dedicar máis horas para cuestións organizativas e unha mellor atención personalizada ao alumnado. Tamén debera ser un dato importante para as e os responsables da educación galega que outras sete comunidades autónomas xa iniciaron e algunha xa rematou o proceso de recuperación do horario lectivo.