CCOO-Ensino reclama á Consellería a retirada e a non distribución do material da organización Hazte Oír nos centros educativos galegos por posible delito de odio

CCOO-Ensino presentou hoxe no rexistro da Consellería unha reclamación esixindo a retirada do material distribuído nos centros educativos galegos pola organización Hazte Oír, por un posible delito de odio.

Entendemos que as cartas e materiais supoñen unha situación de risco para o alumnado e poden incorrer en apoloxía do odio ás persoas en función de crenzas individuais.

O prexuízo desta organización de ultradereita constitúe un delito contra a información do alumnado sobre temas protexidos na normativa educativa e nas constitucións española e europea, ademais de ser un factor determinante para salientar quen son as vítimas, estigmatizando, discriminando e excluíndo o noso alumnado, familias e profesorado LGTBI.

Á vez, dá pé a situar o debate en termos estritamente morais que puidesen suscitar igualmente dúbidas sobre cuestións tan asentadas como a evolución ou calquera outro contido curricular que obsesivamente consideren que fai perigar os seus principios individuais, reaccionarios e obsoletos. Cómpre respectar os consensos sociais, fuxindo de éticas privadas e valores individuais e de grupos particulares que só conducen a actitudes discriminatorias e enfrontamentos

Toda a comunidade educativa debe permanecer unida na defensa dos dereitos do alumnado a unha educación acorde cos principios constitucionais mencionados anteriormente, que non poden ser outros que o da escola mixta, cun modelo coeducativo, aprendizaxe dos afectos e emocións, científica, que posibilite a mozas e mozos un desenvolvemento íntegro da súa personalidade.

Someten as persoas, familias e alumnado LGTBI a unha situación de indefensión , amais de fomentar un ambiente laboral para as nosas traballadoras e traballadores do ensino de tensión, coacción e conflito permanente ao non deixar desenvolver o labor educativo en función do que marca a lei, o que contribúe a crear un medio educativo máis inseguro e provoca situacións de tensións e riscos psicosociais ás e aos docentes que queren cumprir escrupulosamente o seu traballo e as súas funcións educativas con todas as garantías constitucionais.