CCOO-Ensino denuncia que o concurso de traslados do profesorado de relixións leva paralizado dende o ano 2010 e esta situación non pode seguir así outro curso máis.

A Orde do 5 de novembro de 2010 publicada no DOG 219 do 15 de novembro, establecía que este concurso se convocaría en datas similares ás convocatorias correspondentes aos funcionarios docentes aos que se refire a Lei orgánica 2/2006 do 3 de maio, de educación.

A partir do ano 2014 as persoas delegadas de CCOO-Ensino solicitamos en numerosas ocasións nos distintos comités de empresa do profesorado de relixións a súa realización. Neles, observamos asombrados como as delegadas de outras organizacións sindicais votaban en contra ou se abstiñan ante esta xusta demanda, tal e como figura en distintas actas.

Novamente, lle requirimos á Administración que non pode facer oídos xordos ás nosas solicitudes. Nuns días faranse 9 anos dende o primeiro e único concurso de traslados do noso colectivo e non pode pasar un curso máis sen que esta situación se desbloquee.

Dende CCOO-Ensino instamos á Consellería a que estableza unha mesa negociación cós representantes dos traballadores para estudar os termos nos que o concurso de traslados do profesorado de relixións debe realizarse.