5 DE OUTUBRO . DÍA MUNDIAL DAS E DOS DOCENTES

Mensaxe conxunta da UNESCO, da Organización Internacional do Traballo, da UNICEF, do PNUD e da Internacional da Educación, con motivo do Día Mundial dos Docentes

“A arte suprema do mestre consiste en espertar o gozo da expresión creativa e do coñecemento”.

Hoxe, seguindo a lección de Albert Einstein, celebramos a experiencia, a enerxía e a paixón dos docentes, que son a pedra angular dos sistemas educativos do futuro.

Con todo, os e as docentes son tamén fundamentais para a rexeneración da propia profesión. Sen unha nova xeración de docentes motivados, millóns de alumnos e alumnas veranse privados, ou seguirán véndose privados, do seu dereito a unha educación de calidade. Ao ser a docencia unha profesión mal paga e infravalorada, resulta moi difícil atraer e reter o talento. As taxas de abandono aumentan rapidamente en todo o mundo, debido, en parte, á precariedade do emprego e ás escasas oportunidades de desenvolvemento profesional continuo. Ademais, faltan recursos para os nenos e nenas con necesidades educativas especiais, con discapacidade, os refuxiados e os alumnos multilingües.

Hoxe en día, é urxente actuar. As cifras proporcionadas polo Instituto de Estatística da UNESCO (IEU) son bastante preocupantes: o mundo necesita case 69 millóns de novos docentes para cumprir a axenda Educación 2030. As desigualdades mundiais poderían aumentar directamente, xa que o 70 % dos países subsaharianos enfróntanse a unha grave escaseza de docentes, porcentaxe que ascende ao 90 % no ensino secundario.

Estes problemas son aínda maiores nas zonas rurais e afectadas por crises dos países en desenvolvemento. Os docentes, en particular as mulleres, corren o risco de sufrir illamento e violencia. O fluxo resultante de docentes cara ás zonas urbanas deixa as escolas rurais sen persoal suficiente.

Para contrarrestar esta situación, na Reunión Mundial sobre a Educación da UNESCO e no 11 Foro de Diálogo sobre Políticas do Equipo Internacional de Tarefas sobre Docentes para a Educación 2030 reafirmouse a función esencial dos docentes para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. Con este fin, os sistemas educativos necesitan unha inxección de ideas innovadoras sobre o modo de recrutar, formar, incentivar e reter as mentes máis brillantes para as aulas do século XXI.

Os medios de comunicación e as novas tecnoloxías deben ser instrumentos para elevar a profesión docente e demostrar a súa importancia para os dereitos humanos, a xustiza social e o cambio climático. Os gobernos, pola súa banda, deben mellorar o emprego e as condicións de traballo.

Esta cuestión reviste aínda máis urxencia ante a escaseza de candidatos novos para substituír aos 48,6 millóns de docentes que probablemente se xubilarán no próximo decenio.

Co tema “Docentes novos: o futuro da profesión”, recoñecemos a importancia crítica de reafirmar o valor da misión docente. Instamos os gobernos a que fagan do ensino unha profesión de primeira elección para as mozas e os mozos. Tamén convidamos os sindicatos de docentes, os empregadores e empregadoras do sector privado, as directoras e directores de escola, as asociacións de nais e pais e mestras e mestres, os comités de xestión das escolas, o persoal funcionario do sector da educación e o persoal formador de docentes a compartiren os seus coñecementos e experiencias para promover o xurdimento dun corpo docente dinámico.

Sobre todo, celebramos o labor de docentes dedicados de todo o mundo que seguen esforzándose día a día para que a “educación de calidade, inclusiva e equitativa” e a promoción das “oportunidades de aprendizaxe permanente para todas e todos” se convertan nunha realidade en todos os recunchos do planeta.