CCOO denuncia a HazteOir por actos de intolerancia e de incitación ao odio

A Federación de Ensino de CCOO (FECCOO) presentou esta mañá unha denuncia ante a Fiscalía Xeral do Estado, co fin de que estude as actuacións emprendidas pola organización HazteOir, xa que poderiamos atoparnos ante un delito de odio tipificado no artigo 510 do noso Código penal.

A mediados de setembro, HazteOir remitiu a centros educativos de todo o Estado unha carta na que informaba da campaña "Os meus fillos, a miña decisión". O seu obxectivo principal era instaurar o que se coñece como  PIN  Parental. Este PIN é unha solicitude de información previa e consentimento expreso para a formación de contido afectivo-sexual impartida en horario escolar, o que foi percibido por  FECCOO como “unha provocación á intolerancia, ao odio e á discriminación”.

“As ditas actuacións agriden as normas básicas de convivencia baseadas no respecto e a tolerancia, de maneira que toda a sociedade se vexa concernida pola expresión das ideas que contrarian abertamente as mensaxes de tolerancia que o ordenamento xurídico, como instrumento de control social, expón á cidadanía, que os fai propios”, explican desde  FECCOO.

De igual maneira, o sindicato solicitará á Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia o requirimento ao Goberno español para que lexisle a protección da educación nos principios de igualdade, non discriminación e tolerancia, e persiga actuacións como as realizadas pola asociación de extrema dereita.

FECCOO esixe unha lei de protección das persoas LGTBI no ámbito educativo e unha protección do noso ordenamento xurídico ante actos provocadores e incitadores á intolerancia. Ademais, solicita ás comunidades autónomas que contan con lexislación contra a discriminación por razón de orientación e identidade sexual, que declaren a ilegalidade dos actos levados a cabo por HazteOir, á vez que instan a Administración educativa para que ofreza a seguridade xurídica aos corpos docentes, equipos directivos, nais e pais ante estas medidas coactivas.

“Cómpre respectar os consensos sociais, fuxindo de éticas privadas e valores individuais de grupos particulares que só conducen a actitudes discriminatorias e enfrontamentos”, manifestan desde CCOO.