23 de Setembro: Día Internacional da Visibilidade Bisexual

 SER BISEXUAL non é un capricho, ser bisexual non é un “erro”, non significa “que alguén non o teña claro”, nin tampouco que “necesite tempo para decidir sobre a súa opción sexual”… Ser bisexual significa sentir atracción por máis dun xénero, que non ten por que coincidir no tempo. A atracción por persoas de máis dun xénero pode ter diferentes expresións e vivirse de diferentes modos e con diferente intensidade.

Aquelas e aqueles que se definen como bisexuais enfróntanse á incomprensión social, mesmo, en ocasións, dentro do propio colectivo LGTBI+, que a miúdo esquece a súa existencia.

Noutras ocasións, enténdese o feito de seren bisexuais como algo “frívolo” e, por tanto, non merecedor nin de dereitos nin de atención. É o que lles sucede, frecuentemente, aos e ás adolescentes cando se definen como bisexuais: que ningún maior ao seu redor lle dá credibilidade ao que expresan (nin a familia, nin o profesorado dos institutos…)

Pero a xente bisexual está a organizarse e está a esixir que se lles teña en conta á hora de pensar en políticas públicas, á hora de lanzar táboas reivindicativas, á hora de celebrar, denunciar e facerse visible.

Hoxe, 23 de setembro, celébrase o Día Internacional da Visibilidade Bisexual como unha maneira máis de levantar a man e de reivindicar un lugar propio.

Porque se se nega a identidade de todo un grupo de persoas, a arma máis poderosa segue sendo a visibilidade. Chama profundamente a atención, por exemplo, que non existan referentes históricos (no noso país ou fóra del) ou que non exista documentación nin estudos específicos sobre a realidade das persoas bisexuais. A Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans e Bisexuais (FELGT) sinala que no noso país non existe ningunha investigación sobre a historia das persoas bisexuais durante o franquismo e que, mesmo a día de hoxe, é difícil atopar testemuños de persoas maiores bisexuais.

A realidade é que, a pesar de a bisexualidade estar incorporada no colectivo LGTBI+ coa súa sigla, adoita falarse pouco ou moi pouco sobre ela: se se invalida o teu testemuño non existes, se non te nomean non existes, se o teu relato crea susceptibilidades non existes.

As organizacións bisexuais chaman a atención sobre algunhas cuestións moi concretas: entender que unha persoa é bisexual é clave para a profesión médica á hora de recibir unha atención adecuada (sexa esta de carácter física ou mental). Ou estoutra: as persoas bisexuais, solicitantes de asilo, han de “falsear” a súa realidade, porque se supón que sempre poderán elixir “a conveniencia” para escapar da represión nos seus países de orixe.

E, coma sempre, toca lidar co machismo, tanto no caso das mulleres coma dos homes; estes últimos teñen entre as súas mans a tarefa de contribuír a entender a masculinidade dun modo diferente ao “macho alfa”.

Desde CCOO seguiremos apostando pola visibilidade das persoas bisexuais na sociedade e nos empregos (#AoTraballoSenArmarios) e esixirá formación en diversidade afectivo-sexual, familiar e de xénero para todos os profesionais da medicina, do ensino, etc., e a non discriminación das persoas bisexuais.

Comparte o que pensas