O Consello de CCOO-Ensino reivindica os dereitos das persoas LGTBI+, especialmente os das persoas maiores, con motivo do Orgullo 2019 e do 50 aniversario das revoltas de Stonewall

Na madrugada do 28 de xuño de 1969, no coñecido pub neoiorquino Stonewall, tivo lugar a sublevación contra a redada policial que deu orixe á reivindicación do movemento LGTBI+, e de alí trasladouse, de maneira case instantánea e xemelga, a outros países do mundo, aínda que no noso país e por mor da ditadura, as primeiras marchas non chegarían ata o 1977 en Barcelona e ao ano seguinte a Madrid, en plena vixencia da Lei de Perigosidade e Rehabilitación Social. Nese momento, púñanse as bases históricas das actuais mobilizacións do Orgullo. Non podemos por menos que facer especial mención ao colectivo trans, que foi parte importante da revolta e da acción contra a policía nesa madrugada neoiorquina do 1969.

A Federación de Ensino de CCOO abrazará, coma sempre, as reivindicacións deste ano, no que se fai especial fincapé na realidade dos maiores LGTBI+ que, en situacións hostís e cheas de homofobia, saíron as rúas a reivindicar os dereitos do colectivo que tardaron anos en conseguirse.

Pasaron 50 anos daquel suceso e é o momento de homenaxear o activismo de entón, as persoas que loitaron nunha sociedade homófoba, racista, clasista e misóxina. Grazas a elas, hoxe contamos con niveis de liberdade e dereitos nunca imaxinados. Non podemos deixar de ver con preocupación os ventos de odio que están a percorrer o país e que intentan a negación dos dereitos das persoas LGTBI e condenar este colectivo á invisibilización baixo a falacia de que a orientación ou expresión de xénero só corresponde ao ámbito do privado.

O consello da Federación de Ensino resolve solicitar ás administracións 

 

  • A posta en marcha dunha lei estatal LGTBI+ que garanta unha esfera sociopolítica sen discriminación, sen desigualdade, sen acoso e sen violencia, onde se conforme un escenario democrático, plural e participativo no que todas as persoas poidamos ser, sentir e amar libremente.

 

  • O desenvolvemento das leis autonómicas que estan a ser papel mollado e unha simple declaración de intencións que non se fai efectiva.

 

  • A elaboración dun plan integral para a Educación, que permita a valoración da situación do colectivo LGTBI+ en todas as etapas educativas e a erradicación das condutas LGTBI+-fóbicas.

 

  • O establecemento de medidas que permitan valorar a situación dos maiores LGTBI+ e que eviten a invisibilización forzada á que está sometido este colectivo en moitos casos.

Así mesmo, anima á participación nas diversas manifestacións e actividades que terán lugar ao longo da xeografía do país, así como na marcha estatal que se celebrará o vindeiro día 6 de xullo en Madrid, baixo o lema “Maiores sen Armarios” lembrando a todas, todos e todes aqueles que loitaron, quedaron polo camiño e seguen a loitar dende hai xa 50 anos polos dereitos do colectivo LGTBI+