A pesar da mobilización masiva e do amplo seguimento da xornada de folga, no día de onte as organizacións patronais e UXT, FSIE e USO desatenderon novamente o sentir maioritario do sector procedendo á firma do novo convenio colectivo

CCOO considera que nun contexto de crecemento mantido do PIB durante os últimos anos era o momento de que o conxunto de traballadoras comezasen a recuperar parte do poder adquisitivo perdido durante o período de recesión e mellorar as condicións de traballo nas que se desenvolven. Non foi así. A firma do XII convenio colectivo non soluciona ningún dos problemas do que adoece o sector e perpetúa a pobreza laboral dun colectivo que durante máis de 7 anos mantivo conxeladas as súas retribucións salariais, en contra da posición de CCOO, que xa en 2015 negouse a asinar a conxelación salarial para ese ano e para 2014, tal e como queda reflectido no BOE núm. 146 do 19 de xuño de 2015.

O 80% das traballadoras do sector encádranse na categoría de educadoras. Elas verán como a súa retribución bruta pasa dos 880€ mensuais aos 930€ a partir do 1 de xuño. Resulta incompresible que este colectivo, formado e con gran responsabilidade (ao estar a cargo de nenos e nenas menores de tres anos), pasen a percibir 30€ máis que aquelas persoas que realizan tarefas non cualificadas que non requiren de ningunha formación específica. Tampouco entendemos que a súa diferenza salarial respecto doutras profesionais que imparten a mesma etapa educativa en escolas concertadas, privadas sen concerto e públicas, sexa de 300€ menos por realizar exactamente as mesmas tarefas. Non existe unha correlación entre a formación e responsabilidade das traballadoras coas súas condicións de traballo e ademais subxace unha discriminación facía o colectivo polo mero feito de ser maioritariamente feminino (máis do 95% do colectivo son mulleres). A brecha salarial por cuestión de xénero seguirá profundándose con esta firma. Por todo iso, desde CCOO defendemos e reivindicamos a dimensión educativa da profesión e a inclusión real desta etapa no ámbito educativo e iso pasa necesariamente por unha mellora substancial das súas condicións laborais, achegándoas paulatinamente ás das súas compañeiras do ensino concertado e público.

A mediados do 2018 as organizacións sindicais CCOO e UXT, xunto ás  patronais CEOE e CEPYME, subscribían o IV Acordo Estatal de Negociación Colectiva que, entre outras cuestións, determinaba que en 2020 ningún traballador/a percibiría retribucións por baixo dos 1.000€. Iso non será así para as educadoras dos Centros Privados que en setembro do 2021 pasarán a cobrar 958€. Nesta Mesa Negociadora, tanto pola parte sindical como pola parte patronal, hai organizacións que están a incumprir o acordo. Está moi ben saír na foto e difundir ao catro ventos as bondades do acordo pero despois hai que trasladar ese compromiso ás mesas negociadoras. CCOO foi a única organización asinante daquel acordo que mantivo a súa palabra e non se encartou aos intereses patronais.

Respecto dos Centros de Xestión Indirecta, non se soluciona o problema co que se atoparán centos de entidades cuxas licitacións están en vigor desde antes de xaneiro de 2019 ou ben se prorrogaron. Esas traballadoras verán como as súas retribucións son mesmo inferiores ás compañeiras que prestan servizos en centros privados.

Consideramos que se desperdiciou unha magnifica oportunidade para dignificar as condicións laborais do conxunto de traballadoras. O amplo seguimento da convocatoria de folga convocada no día de onte por CCOO mostra o descontento existente no sector, pondo de manifesto que unha ampla maioría de traballadoras non avala a firma deste convenio. Desde CCOO  non entendemos como o resto de organizacións sindicais miran cara a outro lado, omitiendo unha dura realidade que golpea as economías e a conciliación persoal e familiar desas traballadoras. A xornada laboral de 38 horas semanais de atención directa nas educadoras (32 para as mestras) supón dedicar tempo persoal para realizar tarefas de coordinación, preparación, atención a familias. Non se atende unha das principais reivindicacións que realizaron todas as organizacións sindicais na plataforma conxunta inicial e que pasaba por reducir as horas de atención directa para introducir horas de preparación. Como tampouco se atende ningunha das outras reivindicacións expostas, tales como permisos retribuidos, incapacidade temporal, vacacións?.

Por todos estes motivos, CCOO decidiu non subscribir este convenio e pide ao resto de organizacións sindicais que tampouco o fagan. Finalmente, como proba do apoio recibido polas traballadoras do sector e como mostra de rexeitamento ante o acordo, presentamos neste acto os miles de firmas que recolleron por todo o territorio nacional. Para CCOO a pobreza laboral non se pacta. 

Desde CCOO non daremos as costas aos miles de traballadoras e traballadores que durante as últimas semanas deron unha lección de dignidade a aqueles que finalmente careceron dela rubricando un Convenio Colectivo que perpetuará a precariedade no sector. Por iso, seguiremos loitando por un #ConvenioDignoInfantil.

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS