Facendo da igualdade un camiño sen retorno

EN CCOO defendemos os dereitos de lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais (LGTBI), considerando que estes dereitos se ven aínda sometidos nunha sociedade en que a hexemonía cultural patriarcal segue a impor modelos e roles baseados na heteronormatividade. Cómpre lembrar que os dereitos das persoas LGTBI hai que garantilos e amplialos ata acadar a igualdade real. E isto non é só unha cuestión de postura ideolóxica, senón de defensa dos dereitos humanos.

Observamos que, a pesar dos avances nas políticas de diversidade sexual e de xénero, na actualidade está a emerxer unha minoría que chama pola recuperación de idearios e formulacións antidemocráticas que supoñen unha involución ao propoñer ideas retrógradas que nos devolven a tempos xa pasados. Asistimos ao espectáculo dunha política de ultradereita que pretende instaurar ríxidos modelos familiares e sociais que acernaban as liberdades individuais, colectivas e progresistas, constituíndo así unha clara ameaza para novas formas familiares presentes na sociedade actual. As súas ideas represivas e regresivas fomentan o odio, a intolerancia e incluso a violencia, ademais de atentar contra os avances conseguidos tras anos de loita pola igualdade.  

É imposible non se alarmar con discursos deste tipo, oportunistas e populistas, que aproveitan descontentos da cidadanía por mor da corrupción e o abandono de valores democráticos dalgúns grupos políticos. Discursos baseados en mentiras, embustes, descualificacións e manipulacións que forman parte dunha ideoloxía antidemocrática e que se sustenta na supremacía, o desprezo, o clasismo, a discriminación e, en definitiva, a desigualdade.

CCOO defenderá sempre os principios de xustiza, liberdade, igualdade e solidariedade diante de calquera ataque, veña este de onde veña, e non tolerará ningún intento de involución democrática de ningunha forza política ou social, nin calquera liña ideolóxica que supoña un risco ou ameaza para a democracia, os principios constitucionais e os dereitos humanos.

Non asumiremos ningún retroceso en dereitos civís e sociais conquistados, non admitiremos ningún ataque contra a igualdade, contra o dereito á non discriminación nin a elementos básicos para a convivencia democrática e pacífica, como son o respecto e a tolerancia.

CCOO, como sindicato sociopolítico, asumindo os seus compromisos e en coherencia cos seus valores, seguirá denunciando a través dos escenarios en que está, ben sexa o diálogo social, a negociación colectiva, a interlocución institucional ou a mobilización social, calquera ameaza aos dereitos humanos e seguirá reivindicando a igualdade real para as persoas LGTBI.

A nosa forza sindical, xunto coa participación cidadá, será a mellor arma que permita garantir a defensa dos dereitos de liberdade e igualdade, co exercicio do dereito ao voto nas vindeiras eleccións locais e europeas, así como nas xerais do 28 de abril. #ÉOMomento de loitar por un maior benestar e xustiza social que nos permita conquistar a tan ansiada igualdade real.