RESOLUCIÓN DA FEDERACIÓN DE ENSINO DE CCOO DE GALICIA POLO 8 DE MARZO

A Federación de Ensino de CCOO, ante a próxima celebración do 8 de marzo, convocou unha folga de 24 horas. 

 

Este 8 de marzo sumaremos forza sindical nunha xornada de mobilización masiva, reivindicativa e de confluencia civil e social, mediante unha folga con vontade inclusiva, solidaria e feminista. A mobilización da folga xeral feminista inscríbese na mesma liña do noso compromiso permanente contra as violencias machistas e as desigualdades, porque a nosa acción sindical permanente está dirixida sistematicamente a previr, corrixir e erradicar as brechas de xénero e as violencias contra as mulleres. Desde a nosa organización combatemos, este 8 M e sempre, a desigualdade, a discriminación, a precariedade e a violencia contra as mulleres.

 

A educación é un dereito fundamental e universal que ten que ser garantido polos poderes públicos, e o dereito á educación débese entender como un dereito ao longo de toda a vida. 

 

Este dereito ha de asegurar a igualdade de oportunidades, a atención á diversidade de todas as persoas, a eliminación de calquera tipo de dogmatismo e a compensación das desigualdades socioeconómicas de partida. Os seus sinais de identidade han de ser a inclusión, a educación para a convivencia e a paz, a sustentabilidade, a solidariedade, a eliminación de calquera tipo de acoso e a xestión pacífica dos conflitos, fronte á discriminación ou a exclusión.

 

Todo o sistema educativo debe estar impregnado dun enfoque de xénero, desde o comezo da formación do profesorado, pasando polo currículo e os libros de texto, ata os procesos de ensino-aprendizaxe e a organización escolar.

 

Todas as leis educativas da democracia coinciden en que a educación debe permitir avanzar na igualdade e todas elas manifestan esta crenza, tanto nos principios como nos fins do sistema educativo. Son expresión da vontade dunha sociedade que considera que a desigualdade entre mulleres e homes é unha inxustiza insostible que hai que superar. Para iso, como di a Constitución Española, os poderes públicos deben remover todos os obstáculos que dificultan a igualdade.

 

Agora ben, o lento proceso de transformación cara a unha educación igualitaria entre os sexos pode sufrir un forte retroceso se as políticas de ultradereita conseguen impoñer a súa concepción retrógrada sobre a educación, que nos mostra unha ideoloxía propia dun pasado que xa criamos superado.

A educación debe contribuír a un cambio de paradigma social que nos sitúe en parámetros comunitarios na defensa dos dereitos humanos e a erradicación das violencias. Permitiranos expulsar o sexismo dos centros educativos e afianzar o respecto ás mulleres, a vida e a seguridade. Todo iso, abordando as diversidades e as identidades, con todas as garantías para desenvolver un proxecto vital pleno.

 

A Federación de Ensino de CCOO chama as traballadoras e traballadores do ensino para secundar a folga de 24 horas este 8 de marzo, plasmando nos centros educativos o rexeitamento a un sistema educativo inmobilista, androcentrista e insuficiente ante as necesidades reais, así como a participar en cantas actividades se organicen para defender un ensino que promova a igualdade entre os sexos, os dereitos das mulleres e que rexeite os recortes nos servizos sociais.

 

Animamos a toda a comunidade educativa a participar en todas as mobilizacións que se desenvolvan o 8 de marzo.