A Lei de mellora das condicións laborais do persoal docente aprobada no Congreso non acaba cos recortes en educación

O Real decreto lei 14/2012 inflixiu duros recortes á educación pública que, entre outros efectos, ocasionaron a destrución de miles de postos de traballo no sector polo aumento da xornada lectiva. Estes recortes foron de obrigada aplicación para todas as comunidades autónomas, o que perpetuou no tempo as súas graves consecuencias.

CCOO denunciou ante a Audiencia Nacional o Real decreto lei 14/2012.  A súa admisión a trámite provocou que o actual Goberno modificara a norma. Lamentablemente, o proxecto de lei que reverte os recortes non inclúe a regulación con carácter básico da xornada lectiva docente, como si ocorría con anterioridade.

CCOO reiterou ao Ministerio de Educación a súa proposta de regular con caracter básico a xornada lectiva para as e os docentes de Educación Infantil e Primaria nun máximo de 23 horas semanais e de 18 para o profesorado de Secundaria, Formación Profesional e Réxime Especial. No caso específico de Galicia, a Federación de Ensino de CCOO demanda á Consellería de Educación a recuperación do acordo autonómico polo que o horario lectivo en Primaria non superaba as 21 horas e no resto dos corpos, as 18.

A xornada lectiva docente en España sitúase por encima da media da UE22. En Primaria, o profesorado español imparte 118 horas lectivas máis ao ano. As horas de docencia dos e das docentes de Secundaria, FP e Ensinanzas de Réxime Especial tamén superan as dos seus compañeiros e compañeiras da UE22: un 6,7% no el caso de Secundaria e un 9,73% no de Bacharelato, Ciclos Formativos de Grao Medio, Ensinanzas Artísticas e Escolas Oficiais de Idiomas. 

O rexeitamento do Goberno a regular con carácter básico a xornada lectiva máxima non é unha verdadeira política de reversión dos recortes do Partido Popular. Non deixa de ser unha mala manobra publicitaria e un novo desprezo ao profesorado. Derivar esta competencia ás comunidades autónomas é condenar a maior parte do profesorado a seguir co mesmo horario lectivo.