CCOO-Ensino pon en valor os acordos asinados, que melloran as condicións laborais do profesorado galego

A Federación do Ensino de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Ensino) presentou hoxe o balance do traballo realizado nos últimos catro anos, se ben puxo especial énfase nos acordos asinados nos últimos meses, xa que permitiron mellorar as condicións laborais do profesorado galego. Segundo os voceiros do sindicato, José Fuentes e Verísimo Pazos, as melloras chegaron tras moito tempo de mobilizacións, pero para facelas efectivas houbo que as recoller nuns acordos «que asinamos nós».

O máis recente é o acordo retributivo asinado en xullo, que incrementará as nóminas en noventa euros, en total 1260 euros anuais. Na nómina deste mes de outubro xa se recolle un aumento de quince euros e na de xaneiro do 2019 serán vinte euros máis. Isto é, en só tres meses o incremento será de trinta e cinco euros, que chegará aos devanditos noventa cando remate a aplicación do acordo, en xaneiro do 2021.

José Fuentes salientou que este acordo, ao contrario dos asinados nos anos 2003 e 2006, ten un período de aplicación máis curto, xa que en vez de tres anos serán dous anos e tres meses. Ademais, non é un acordo pechado, pois en función do contexto poderase revisar para a súa mellora, co obxectivo de garantir que o profesorado da comunidade autónoma de Galicia non baixe do sexto posto canto a retribucións.

Este acordo foi posible grazas ao asinado o pasado marzo no ámbito estatal. O acordo rubricado en Madrid incluía outras recomendacións, como a percepción da totalidade do salario en casos de baixa médica. Esta reivindicación tamén se conseguiu trasladar a Galicia e os orzamentos autonómicos xa inclúen unha partida para o pagamento íntegro dos salarios durante as incapacidades temporais.

O combate á precariedade é outro dos elementos que emanan dos acordos asinados por CCOO. Neste sentido, José Fuentes referiuse á oferta pública de emprego (OPE) anunciada pola conselleira de Educación, Carmen Pomar. Segundo o sindicalista, a oferta «parece boa», pero esixiu que os detalles se negocien cos sindicatos. «Non entenderíamos que fose doutro xeito, xa que esta OPE, destinada a combater a precariedade laboral no ensino público, emana dos acordos que nós asinamos e non podemos ficar á marxe», concluíu.

Eleccións sindicais

Na súa intervención, Verísimo Pazos centrouse nas próximas eleccións sindicais para o colectivo docente, que terán lugar en decembro, e explicou a configuración das candidaturas, así como as reivindicacións. «Somos un sindicato comprometido coa igualdade, e para facelo máis visible temos unhas candidaturas onde as mulleres son maioría e, ademais, catro compañeiras serán as cabezas de lista provinciais», abundou.

As persoas candidatas de CCOO-Ensino tamén prestarán moita atención ao colectivo LGTBIQ, «pois malia os avances aínda queda moito por facer e esiximos o cumprimento íntegro da Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia», apuntou Pazos.

Canto ás restantes reivindicacións que levarán ás eleccións sindicais, Pazos referiuse ao aspecto salarial. Malia que os acordos retributivos son moi importantes, «aínda non recuperamos o poder adquisitivo perdido durante a crise». Puxo como exemplo os recortes do 2010, que provocaron que as pagas extras teñan unha contía inferior ás nóminas ordinarias. «O profesorado perdeu moito diñeiro e non renunciamos a recuperalo», enfatizou.

Na parte de permisos, excedencias e licenzas, en Galicia «hai elementos mellores que no resto do Estado», sinalou o sindicalista, «pero cómpre avanzar, sobre todo conciliación, maternidade e paternidade, que deben ser ampliados, equiparables e intransferibles».

O ámbito da formación tamén fundamental para os docentes. Os recortes foron «brutais» e centrouse a formación a só determinadas —TIC e idiomas—, «reducindo as posibilidades expansión do docente na súa área», lamentou Pazos.

Para a consecución dun ensino de calidade hanse reducir as rateos. CCOO pide que se reduzan as rateos e que o alumnado repetidor inclúa no cómputo —agora non o fai—. Ademais, se houber alumnado con necesidades especiais, a rateo débese axustar a esa circunstancia.

Canto á saúde laboral, CCOO esixe un catálogo de enfermidades profesionais axeitado ás circunstancias reais —actualmente a única doenza profesional recoñecida son os nódulos vocais—. Así mesmo, pídese o cumprimento íntegro da Lei de prevención de riscos laborais e a revisión de todos os centros educativos para certificar que están libres da presenza de elementos canceríxenos, como o gas radón ou o amianto.