CCOO-Ensino denuncia os recortes de profesorado no IES de Brión e insta a Consellaría a solucionalo «decontado»

A Federación do Ensino de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Ensino) denuncia os recortes de profesorado no IES de Brión e insta a Consellaría de Educación a solucionalo «decontado» e a «dar explicacións públicas sobre a súa nefasta xestión». O sindicato apoia as reivindicacións e mobilizacións da comunidade educativa deste instituto, que leva semana e media protagonizando un peche no centro como medida de presión.

Comisións insta a Consellaría a dotar o centro do profesorado necesario para permitir o desdobramento dos grupos de 4.º de ESO —evitando a masificación nas aulas—, o desenvolvemento do Programa de Mellora de Aprendizaxe e Reforzo (PMAR) en 3.º de ESO e impartir todas as materias optativas previstas —agora mesmo non é posible facelo por falta de horario.

Desde CCOO-Ensino critican a xestión das autoridades educativas neste conflito, especialmente a actitude da inspectora Carmen Ares, cuxas actuacións «non só son despóticas e irresponsables, senón que atentan contra a calidade do ensino público». O sindicato denuncia que o trato da inspección discrimina este centro respecto doutros nos que si se permitiu maior dotación de persoal, facilitando os desdobramentos das aulas.

CCOO-Ensino lémbralle á Consellaría que as materias optativas ofertadas polo IES de Brión «están recollidas na LOMCE, a contrarreforma educativa imposta polo PP» e critica que a Xunta pretenda «implantar esta deostada lei a custo cero». Canto á posible desaparición do PMAR brionés por falta de horas, CCOO coida que isto «demostraría o que nós levamos anos dicindo, que a LOMCE é unha lei excluínte que ataca o principio fundamental de calquera sistema educativo: a equidade».

Participación na concentración

Por último, a Federación do Ensino de CCOO anuncia que hoxe vai participar na concentración que haberá ás 12 horas ás portas do IES de Brión. O mércores, día 26 de setembro, a través da Xunta de Persoal, esixiralle ao xefe territorial de Educación unha solución ao conflito.

Comparte o que pensas