CCOO convoca tres días de folga na ESAD para esixir a restitución do profesorado recortado nos últimos anos

A Federación de Ensino de CCOO, respondendo á petición expresada polo claustro e polo alumnado da Escola Superior de Arte Dramática, convoca unha folga os días 17, 18 e 19 coincidindo co inicio das actividades lectivas.

A decisión está motivada polos recortes no persoal docente que vén sufrindo a escola nos últimos anos, cifrados polo sindicato e a escola nun 20 %. Alén diso, as actitudes hostís e as decisións arbitrarias do inspector asignado ao centro, avaladas pola Xefatura Territorial, empeoraron a situación abocándoa á folga convocada e ás concentracións previstas para eses días, que comezan o luns 17 ás 12:00 fronte ao edificio da Xunta en Vigo e continuaran os días 18 e 19 no Edificio Administrativo de Pontevedra, onde profesorado, alumnado e persoas delegadas das organizacións convocadoras amosarán a súa protesta.

CCOO-Ensino apoia as reivindicacións da comunidade educativa e continuará loitando nos organismos onde ten representación para que se recoñeza o valor e o proxecto educativo da ESAD, única en impartir este tipo de ensinanzas en Galicia e todo un referente no eido cultural do país que forma profesionais competentes e de ampla proxección pública no panorama escénico e televisivo de Galicia e do estado.