CCOO Ensino denuncia irregularidades nos tribunais que xulgan o procedemento selectivo na especialidade de Tecnoloxía.

Con data de hoxe os tribunais que xulgan os procedementos selectivos da especialidade de Tecnoloxía, veñen de publicar unha aclaración aos criterios de avaliación publicados antes da realización da parte A da  primeira proba. En realidade esta publicación ven a supor un cambio de criterios de avaliación unha vez realizada a mesma. O tribunal equivócase pretendendo solucionar a inclusión dun exercicio irresoluble mediante un cambio de criterios de avaliación.

 CCOO-Ensino pon de manifesto que incluír no criterio “Resolvéronse os exercicios de xeito correcto e xustificado demostrando os coñecementos específicos, técnicos e científicos actualizados” unha aclaración na que se especifica “ xustifica correctamente a imposibilidade de obter unha perspectiva a partir das vistas dadas, ou realiza a perspectiva da peza a partir das consideracións expresas que estima oportunas.” introduce un novo elemento que o único que fai e ocultar un erro do propio tribunal ao plantexar un exercicio que non tiña solución.

CCOO-Ensino considera ademais que cos criterios publicados en primeiro lugar non se podía inferir que o exercicio de debuxo en cuestión tivera como solución correcta a súa irresolubilidade e que se xerou unha situación de inseguridade nas opositoras e opositores.

CCOO-Ensino manifesta que os Tribunais de Tecnoloxía deben asumir o seu erro e esixe dos mesmos que dean unha solución a esta situación, que pasa ou por anular o devandito exercicio ou por anular e repetir a primeira parte da proba. Manterse en calquera outra posición é por en perigo todo o proceso.

CCOO-Ensino xa plantexara na Mesa Sectorial que os criterios de avaliación das distintas partes da proba deberan ser máis específicos, para favorecer así o coñecemento das e dos opositores de cómo ían a ser avaliados.

CCOO-Ensino agradece e valora positivamente o traballo que as e os membros dos tribunais están a facer, pero naqueles casos puntuais nos que se produzan irregularidades denunciará as mesmas e esixirá as medidas necesarias para un proceso con todas as garantías para as e os  opositores.