A Audiencia Nacional admite a trámite a impugnación presentada por CCOO do Real decreto lei dos recortes educativos

Tras a publicación do Real decreto lei 14/2012, e alegando a conxuntura de crise económica, o Goberno do Partido Popular puxo en marcha un conxunto de recortes que incluían, entre outros, a ampliación da xornada lectiva, a limitación da taxa de reposición do profesorado do ensino público, que quedou reducida ao 10 %, ou o atraso na substitución do profesorado.

Á vista dos datos macroeconómicos presentados polo propio Goberno nos Orzamentos xerais do Estado, CCOO requiriu a través de contencioso administrativo a suspensión sine die da aplicación deste real decreto lei. 

Ante a inacción do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte respecto diso, CCOO elevou o pasado mes de abril á Audiencia Nacional a impugnación deste Real decreto lei. Coa admisión a trámite, a Audiencia Nacional avala o criterio do sindicato e supón un pau para as políticas de recorte do Goberno de Mariano Rajoy.

Unha sentenza favorable de CCOO podería supoñer a suspensión duns recortes que marcaron o devir do sistema educativo dos últimos seis anos e que permitiría a redución dun 10 % nas ratios, a substitución instantánea do profesorado que cause baixa ou a recuperación da xornada lectiva.