XUNTANZA DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO ACORDO DE MELLORA DO EMPREGO PÚBLICO. CRITERIOS DE DETERMINACIÓN DAS PRAZAS PARA OFERTAR NOS CONCURSOS DE TRASLADOS

O día 4 de maio celebrouse a xuntanza da subcomisión de seguimento do Acordo de mellora do emprego público en Galicia, para analizar os criterios que se han seguir na determinación das prazas que se ofertarán nos futuros concursos de traslados, tanto de persoal funcionario como de persoal laboral.

A DXFP formula que estes criterios, de ser aprobados, xa se aplicarían ao concurso de traslados do persoal da lei 17.

Polo que respecta ao acordo de mellora do emprego público do persoal da Xunta de Galicia (ámbito Función Pública), a DXFP propón os seguintes criterios para seguir nos próximos concursos de traslados:

 1) Non ofertar as prazas ocupadas por persoal declarado indefinido non fixo.

 2) Non ofertar as prazas ocupadas por persoal temporal ou interino anterior ao 1/01/2005.

 3) Ofertar as prazas ocupadas de forma temporal ou interina nos tres anos anteriores ao 31/12/2017, recollidas no II Acordo de mellora do emprego público. Polo que respecta ás prazas para retirar dos concursos de traslados, a DXFP xustifica a súa posición na xurisprudencia existente, e que vén a determinar que o persoal indefinido non fixo ten dereito a participar nos procesos selectivos para poder acadar a súa estabilidade nun posto de traballo.

Desde CCOO, pendentes de analizar a proposta presentada hoxe por función pública, só imos adiantar que o cumprimento do acordo de mellora do emprego público ten que ir acompasado dos correspondentes concursos de traslados e de promoción interna do persoal funcionario de carreira e persoal laboral fixo. Hai que compatibilizar os dereitos de todos/as, establecendo un cronograma cos procedementos para levar a cabo así como os prazos para convocalos e resolvelos.

Ao remate da xuntanza, o DXFP comentou que terán unha reunión cos responsables de función pública de todas as comunidades autónomas para establecer criterios comúns sobre este e outros temas relacionados co persoal.