L de Lesbiana. V de visibilidade. Elas tamén existen!

Somos mulleres e lesbianas. Ser visible é unha acción fundamental para reapropiarnos do espazo que nos pertence. Se é complicado ser mulleres nun sistema androcéntrico e patriarcal, ser mulleres e lesbianas aínda o é moito máis.

A día de hoxe, en pleno século XXI, aínda se presupón a heterosexualidade de todas as mulleres, sen ter en conta a diversidade de afectos, a liberdade individual de elección e, sobre todo, que ser visible pon de manifesto as realidades existentes.

Cantas máis sexamos, mellor para continuar coas reivindicacións de levar unha vida plena, cos mesmos dereitos, como a reprodución asistida, tantas veces negada a mulleres lesbianas. Dispoñer de referentes públicos facilita a vivencia das nosas mozas. 

Desde CCOO-Ensino reivindicamos a necesidade de xerar espazos proclives á vivencia en igualdade de condicións das nosas alumnas lesbianas. Conseguir protocolos específicos que poñan fin á lesbofobia nos contextos educativos. 

Moitas das nosas profesoras lesbianas xa deron o paso de ser referentes visibles que poñen de manifesto unha vivencia en positivo, que lles transmiten ás alumnas que ser mulleres lesbianas é un orgullo, unha realidade silenciada que necesita expandirse e facer da educación un proceso de aprendizaxe a favor da diversidade, a igualdade e a eliminación das actitudes sexistas e LGTBIQ-fóbicas.

Reivindicamos espazos laborais seguros que nos permitan erradicar a lesbofobia, a discriminación, as actitudes sexistas e a exclusión por motivos de orientación sexual, expresión e identidade de xénero.

Instamos as Administracións educativas a aplicaren protocolos de actuación a favor das diversidades nas escolas, pór en práctica a Lei 2/2014 para erradicar a LGTBIQ-fobia e garantir a visibilidade das mulleres lesbianas en contextos educativos; incorporar mulleres lesbianas visibles entre as lecturas para o profesorado na formación inicial, para así favorecer unha educación en igualdade e unha educación favorable ás diversidades. É prioritario dispoñer dun proceso formativo para o profesorado en materia LGTBIQ, desenvolver propostas curriculares que impacten nunha educación na igualdade, que mitigue o sexismo e o machismo e que poña como prioridade a coeducación. 

Nin unha nena, nin unha moza debe sentirse excluída, invisibilizada, acosada ou violentada por motivo de orientación sexual, expresión e identidade de xénero. Ser lesbiana e poder vivilo nos centros educativos non é unha cuestión menor, entra na necesidade de avanzar nos dereitos humanos, situar a educación no centro da transformación social e a igualdade efectiva legal e social. 

Non podemos esquecernos das maiores dificultades que sofren as nosas compañeiras e irmás lesbianas trans, afrodescendentes, con diversidade funcional, de procedencias múltiples, que non cumpren coas expectativas sociais cuxas interseccións dificultan unha proposta de vida emancipada, libre, visible e con maiores dificultades en acceder ao ámbito laboral. 

Por este motivo CCOO-Ensino celebra cada ano o día 26 de abril e anima os centros educativos a estableceren actividades co alumnado que promovan unha vivencia plena.