CCOO-Ensino inicia unha campaña para a homologación salarial do persoal docente do ensino público

Fuentes explicou que o salario do persoal docente ten dous compoñentes. Dunha banda, conceptos comúns como o soldo base e os trienios, vinculados ao corpo ou escala a que se pertence e á antigüidade, determinados anualmente nos orzamentos xerais do Estado. Da outra, aspectos suplementarios como o complemento de destino ou o complemento específico, que varían segundo a comunidade autónoma. O sindicalista sinala que, malia que no primeiro complemento haxa diferenzas «pouco significativas», no segundo poden chegar a seiscentos euros.

Xa que se trata de corpos estatais, CCOO defende que as retribucións sexan iguais en todo o Estado. Mentres iso non se produza, o sindicato pedirá que se abra o proceso de homologación retributiva nos termos establecidos nos acordos asinados en Galicia.

Grandes diferenzas

Segundo o estudo realizado por CCOO, no corpo de mestres hai unha diferenza de máis de 4500 euros anuais entre un mestre galego sen sexenios e outro do País Vasco na mesma situación, barreira que se reduce a algo menos de 2000 para os mestres con cinco sexenios, se ben neste caso é Cantabria a comunidade autónoma que ocuparía o primeiro lugar.

Canto ao profesorado de FP sen sexenios, hai unha diferenza anual de máis de 7600 euros entre Galicia e o País Vasco. Con cinco sexenios, sería de algo máis de 5000, neste caso respecto da comunidade navarra. Xa no ensino secundario, un profesor ou profesora de Galicia sen sexenios cobra anualmente 6100 euros menos ca un homólogo ou homóloga do País Vasco. Con cinco sexenios, sería unha diferenza de 3400 euros, novamente respecto de Navarra.

Por último, as catedráticas e catedráticos de Galicia que non teñan sexenios perciben anualmente 10.400 euros menos que en Navarra, diferenza que diminúe ata os 8700 euros con cinco sexenios.

Acordo de homologación do 2003

No ano 2002, o persoal docente galego estaba «á cola» do Estado canto a salario. Grazas ás mobilizacións, abriuse unha negociación que culminou no acordo de homologación do 4 de xullo de 2003, asinado por CCOO e o resto de sindicatos —agás a CIG—. Isto posibilitou que en pouco tempo o salario dos docentes galegos chegase ao sexto lugar.

Segundo Fuentes, «eramos conscientes de que noutras comunidades autónomas tamén se estaban a asinar acordos», polo que se logrou incluír unha cláusula de revisión que comprometía a Consellaría de Educación a abrir un novo proceso de negociación se houbese unha «mudanza substancial» da posición de Galicia respecto do resto de comunidades.

Acordo de homologación do 2007

No 2006, Galicia volveuse situar no grupo de comunidades autónomas cos salarios docentes máis baixos, polo que se iniciou un novo proceso negociador co fin de regresar ao sexto lugar canto ás retribucións. Isto culminou co acordo de homologación do 16 de maio de 2007. Este pacto, ademais, foi histórico porque todos os sindicatos o asinaron. Tamén incluíu unha cláusula de revisión, igual ca no 2003.

Como se indicou, a posición relativa de Galicia volveu caer e sitúase agora no duodécimo lugar. CCOO coida «urxente» a homologación, non só para equiparar o persoal docente galego co do resto do Estado, senón tamén para paliar os anos de sucesivos recortes salariais e de dereitos no sector público. «Xa é hora de que a suposta recuperación económica tamén se traslade aos soldos», enfatizou Fuentes.

Comparte o que pensas